publicidade hoxe

O Concello de Fene recibe unha achega de 21.000 euros para a mellora de 7 áreas infantís e a construción dun parque biosaudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello levará a cabo actuacións de mellora e adaptación á normativa vixente de sete parques infantís emprazados nas diferentes parroquias do municipio, así como a construción dun novo parque biosaudable. E, para estas intervencións, o edil confirmaba que a Vicepresidencia da Xunta de Galicia daba o seu visto bo ao proxecto presentado polo Concello á liña de axudas aberta para a creación e mellora deste tipo de infraestructuras e concedía unha subvención de 21.017,30 euros. Unha achega que permitirá cubrir o 80% do custe total do orzamento das intervencións, fixado en 31.788,66 euros. Nesta liña, o concelleiro explica que o uso continuado ao longo do tempo derivou no deterioro dalgúns aparellos que, coa actuación prevista, se prevén sustituir ou reparar. Así mesmo, ese mesmo paso do tempo impuxo cambios normativos que tamén se prevén atender.

Deste xeito, Juan José Franco avanza que as intervencións que se levarán a cabo son as seguintes: nos parques da Praza Verde do Ameneiral e Rosalía de Castro (ambos na parroquia de Perlío); parque de Curros Enríquez (Maniños); parque do Souto (Sillobre); parque da Hortiña (Limodre), e parques da Praza e da Praza do 10 de Marzo (San Valentín). Así mesmo, e co ánimo de extender a rede de parques biosaudables, tan en auxe nos últimos tempos, o Concello tamén se propón coa achega habilitar unha área deste tipo na parroquia de Sillobre, na zona posterior ao local social de San Marcos.

11 de maio de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.