publicidade hoxe

O Concello de Fene contratará unha cuadrilla de Obras e Servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que a Deputación provincial da Coruña vén de comunicarlle ao Concello a concesión dunha subvención por importe de 11.400 euros para a contratación dunha cuadrilla de obras e servizos. Unha achega que permitirá subvencionar ao 100% o proxecto presentado pola Concellería de Promoción Económica e Facenda que dirixe Juan José Franco á liña de axudas aberta pola Deputación no marco deste programa.

A cuadrilla estará integrada por un oficial de segunda e dous peóns, que prestarán os seus servizos por espazo de tres meses e cunha xornada semanal de 25 horas. Entre os seus cometidos está a reparación de beirarrúas deterioradas con colocación de baldosa semellante á existente sobre cama de formigón previa demolición da existente. Traballos que se centrarán nas parroquias de Barallobre e Perlío.

En todo caso, Juan José Franco destacou que os fondos que aportará a Deputación, ademáis de facilitar a realización de obras no municipio, contribuirán a un obxectivo moito máis importante aínda como é a creación de emprego.

Limpeza de praias

Así mesmo, o concelleiro Juan José Franco tamén informou de que a Deputación provincial vén de confirmar ao Concello a concesión dunha subvención por importe de 12.142,90 euros para a limpeza de praias durante o presente exercicio. Deste xeito, a achega cubre o 80% dos fondos solicitados para levar a cabo tales tarefas, o que alivia considerablemente a aportación que se verá obrigado a afrontar o Concello.

13 de maio de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.