publicidade hoxe

O Concello de Cervo valora a creación dunha nova planta acuícola en Cuíña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo valorou hoxe as declaracións feitas onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou a creación dunha nova planta acuícola no polígono de Cuíña que permitirá crear 70 postos de traballo directos.

Dende o goberno local aseguran que é “unha noticia moi importante para o noso municipio, xa que fala de emprego e de futuro”. Esta forte compra de terreo “demostra que o polígono de Cuíña está en auxe como un espazo empresarial con moitas posibilidades, aberto ao crecemento, ao desenvolvemento económico e, polo tanto, á xeración de emprego”.

O grupo de goberno explica que a empresa Stolt Sea Farm, con plantas de cría e engorde de rodaballo en Cuíña, vén de adquirir máis de 24.000 m2 de novos terreos no polígono para ampliar a súa actividade. Unha compra que para o executivo local “está relacionada coas facilidades dadas pola Xunta de Galicia co obxectivo de promover o asentamento empresarial, como é o caso da rebaixa do prezo do solo industrial” iniciada a principios de ano.

Ao mesmo tempo, o equipo de goberno destaca que tanto o Concello como a Xunta levan tempo en contacto coa multinacional. Unha firma que “está apostando por desenvolver a súa actividade no noso concello”. De feito, Stolt Sea Farm xa dispón de máis superficie de solo para estender a súa produción, á que se suman estes 24.000 m2 de nova adquisición, o cal demostra “o interese da empresa por asentarse e potenciar as plantas de Cervo”.

6 de maio de 2015 | 14:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.