publicidade hoxe

O concello de Baleira asina o convenio de adhesión ao plan de transporte metropolitano de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaleiraLocal PortadaLugo
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Baleira, Ángel Martínez Puga, asinaron hoxe o acordo para a incorporación deste municipio ao Plan de Transporte Metropolitano de Lugo, que está previsto que comece a materializarse en xullo. Os veciños de Baleira poderán acollerse aos beneficios do Plan de Transporte Metropolitano a partir do mes de xullo.Trátase do primeiro concello que se suma a esta área, que ata agora funciona nos concellos de Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade. Así xunto con Baleira, a poboación beneficiada superará os 125.000 veciños.

Unha vez que se realicen as necesarias adecuacións técnicas, os veciños deste municipio poderán gozar das vantaxes que proporciona este servizo, como son aforros significativos no billete de autobús, que van desde un 40% ao 61% nos desprazamentos interurbanos e transbordos gratuítos co transporte urbano. Tamén hai que engadir descontos adicionais dun 15% para os usuarios recorrentes e unha bonificación de entre un 20% ao 50% para as familias numerosas.

A conselleira salientou que o acordo asinado hoxe permite poñer a disposición dos veciños un novo servizo público que lle facilitará os desprazamentos diarios, favorecendo a mobilidade e abaratando os custos, e ofrecendo unha alternativa real á utilización do vehículo particular.

A modo de exemplo, ata agora os veciños que querían viaxar ata Lugo (ou dende Lugo a Baleira) tiñan que abonar 3,33 euros, coa posta en marcha do plan de transporte metropolitano só abonarán 1,30 euros, o que se traduce nun desconto de dous euros dun 61%.

A incorporación de Baleira ao Plan de Transporte Metropolitano de Lugo foi aprobada pola comisión de seguimento do mesmo na área de Lugo, que se celebrou en abril e na que tamén se aprobou a prórroga para que este servizo público de mobilidade siga funcionando durante o ano 2016, grazas a un investimento conxunto de case 200.000 euros por parte da Xunta e os concellos.

A Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Por riba disto, a Xunta asume a bonificación do 100% dos transbordos e cos descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e ás familias numerosas (20% ou 50% segundo se ten 3 fillos ou máis).

19 de maio de 2015 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.