publicidade hoxe

O atleta Lolo Penas será o embaixador da II Carreira Popular de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Entrega de agasallo a Lolo Penas

Entrega de agasallo a Lolo Penas

O atleta Lolo Penas, campión de España, catorce veces internacional, con numerosos títulos en maratóns e medio maratón e con dous mundiais ás súas costas, será o embaixador da II Carreira Popular Concello de Curtis, Curtis Corre, que se celebrará o próximo 4 de xullo. O fondista presentou onte esta competición, de 5 quilómetros homologados en circuíto urbano, co alcalde curtiense na casa consistorial.

O rexedor Javier Caínzos agradeceu ao atleta arzuán o seu apoio nesta segunda edición da carreira, na que poderán inscribirse corredores de todas as categorías desde os pitufos, e cuxa categoría absoluta, de 5.000 metros, está homologada pola Real Federación Española de Atletismo. O alcalde animou á participación de todos os veciños e dos afeccionados ao atletismo, e destacou a importancia destas probas para incentivar o deporte entre os cidadáns de todas as idades, “porque non é só lecer ou competición, é saúde”.

Lolo Penas, pola súa banda, puxo en valor as carreiras populares como eventos para incentivar a práctica deportiva, “que xa non é unha moda senón que forma parte da nosa cultura”, e destacou que a de Curtis estea homologada “porque permite que as marcas sexan oficiais o que fai a proba máis atractiva”.  “Ademais -sostivo o fondista- é unha moi boa ocasión para publicitar Curtis e os seus atractivos”. 

Lolo Penas,veciño de Arzúa e un dos máis recoñecidos atletas galegos, lembrou durante a presentación que empezou a correr con só 16 anos, “e entón era como un bicho raro”. Desde entón, a súa carreira foi crecendo ao mesmo tempo que os seus títulos e que a súa constancia e tesón, non só na práctica deportiva senón tamén profesional, xa que este Licenciado en Educación Física sacouse as oposicións a funcionario de prisións entre competicións, hoteis e avións. Despois de anos en Madrid, regresou a Galicia, e desde o seu cuartel xeral entre Arzúa e o cárcere de Teixeiro segue na brecha.

26 de maio de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.