publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia as obras para conservar o bo estado ecolóxico do río Sar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciou hoxe os traballos de limpeza e acondicionamento tanto do leito como dos noiros do río Sar ao seu paso polo concello de Padrón, co obxectivo de diminuír o risco de inundacións nesta vila ante eventuais casos de enchentes do río na época invernal.

Estas actuacións inclúen o proxecto de acondicionamento da canle de derivación do río Sar, unha canle artificial construída en 1993 que leva o exceso do caudal ao río Ulla. Co paso do tempo, o depósito minguou a capacidade inicial de evacuación das augas do Sar ao Ulla. Para solucionar esta situación, a obra prevé a restitución da sección hidráulica inicial dun tramo da canle artificial e a limpeza e drenaxe dos sedimentos depositados, coa retirada de árbores e dos restos varios que reducen a súa capacidade hidráulica.

Ao acondicionamento da canle de derivación do río Sar destinaranse arredor de 312.000 euros e a actuación poderá comezar en canto o nivel do río permita traballar en condicións de máxima seguridade.

Os traballos consistirán na retirada de depósitos entre os puntos quilométricos 0+020 e 0+500, restituiranse as zonas erosionadas aportando grava compactada ou coieira para impedir futuros desprazamentos de material e minimizar o mantemento neste tramo. Tamén se retirarán as árbores e restos varios do fondo da canle no mesmo tramo.

Ademais complementariamente aos traballos executarase un acceso e barreira de contención no PK 0+020, que será retirado cando finalicen os traballos restaurando a zona ao seu estado inicial, e como medida preventiva colocarase unha barreira de contención flotante augas abaixo para conter e evitar a propagación de sólidos en suspensión durante a execución dos traballos.

Tamén se prevé a execución de obras para a estabilización de noiros do río, correspóndese coas zonas erosionadas no pasado inverno, situadas augas arriba da canle de derivación do río. En concreto, trátase dun treito de 70 metros augas arriba da ponte de Extramundi; e outro, de 30 metros, situado augas abaixo. A estabilización das marxes realizarase mediante técnicas de bioenxeñaría, ao tratarse dun área situada na Zona de Especial Conservación Sistema Fluvial Ulla-Deza, cun orzamento de máis de 313.000 euros.

11 de maio de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.