publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente adxudica por 210.000 euros as obras dunha senda peonil entre Anllóns e a Trabe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteceso
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicou hoxe o contrato para a execución dunha senda peonil que comunicará os núcleos de Anllóns e Ponteceso. A actuación desenvolverase na marxe dereita da estrada que comunica Grilloi e Ponteceso (AC-423).

As obras foron adxudicadas á empresa Canarga, S. L. por máis de 210.000 euros (211.344,00 €). As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos realizaranse nas vindeiras semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obras, o que permitirá o inicio efectivo destas a principios do verán.

A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 12+340 (en Anllóns) ata o 13+970, na zona escolar de Ponteceso da estrada Grilloi- Ponteceso (AC-423). O seu obxectivo é dotar a este treito dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns, que na actualidade circulan pola estreita beiravía coa que conta o vial. 

Ao longo dos 1,6 Km, adoptaranse distintas tipoloxías construtivas, en función do espazo dispoñible e dos usos consolidados na marxe dereita da estrada. No primeiro quilómetro, executarase unha cuneta revestida con pendente moi tendida, cun ancho mínimo de 1,5 m. Esta solución, que se completará coa colocación dunha tubaxe para a canalización das augas pluviais, permitirá a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garantirá a drenaxe axeitada da estrada. 

Na zona da canteira, executarase unha senda de formigón, que se rematará con bordos ou rígola para a evacuación das augas superficiais. Ademais, construirase unha pasarela de madeira fincada de 160 metros no contorno do punto quilométrico 13+700, nun tramo no que o terreo está frecuentemente encharcado e non reúne as características necesarias para a execución dunha senda formigonada. 

Por último, xa na entrada á vila de Ponteceso, aproveitarase a beiravía existente para permitir a circulación dos peóns, colocando separadores de carril que delimitarán a circulación peonil do tráfico rodado. 

O prazo de execución das obras será de catro meses, polo que as obras estarán finalizadas neste outono. 

Fomento da mobilidade peonil e ciclista

O Goberno Autonómico está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes. 

Proba disto é que a día de hoxe a Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou tamén outra dúas actuación para o fomento da mobilidade peonil ou ciclista no Concello de Foz, de dotación de beirarrúas na LU-162 en Cangas de Foz. 

Ademais das obras, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar na análise das posibles actuacións que faciliten os desprazamentos peonís e ciclistas en sete comarcas, mediante outros tantos contratos que se licitaron a principios deste ano. Un deles analiza as necesidades nesta materia nas estradas autonómicas da Comarca de Bergantiños.

O contrato, adxudicado a Ingenieria del Noroest, S.L (INOR), xa foi asinado e conta cun prazo de redacción de 12 meses. Comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Bergantiños, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias. 

A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomentan comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.

21 de maio de 2015 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.