publicidade hoxe

Máis de 200 actores e actrices protagonizarán o VIII Festival de Teatro de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Presentación do Festival de Teatro de Touro

Presentación do Festival de Teatro de Touro

Máis de 200 actores e actrices afeccionados de Galicia serán os auténticos protagonistas o vindeiro sábado, 9 de maio, do VIII Festival de Teatro de Touro. Xa todo está listo para a cita xa clásica no calendario teatral afeccionado. O festival, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Touro e en diversos exteriores, comezará o vindeiro sábado 9 de maio ás 16.00 horas. A Escola Municipal de Teatro de Laxe, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a aula de Teatro do IES de Melide presentarán a obra Brincos de Fantasía. Ás 18.00 horas está programado un Roteiro teatral, poético e musical con saída en Ponte Basebe. E o peche do festival, coa obra Gorentosadas, estará a cargo da aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada e da aula de Teatro do CPI de Touro. Tamén actuará a Banda de Música Isabel II de Touro.

Afonso García Pena, director da aula de Teatro do CPI de Touro, destacou hoxe na presentación do VIII Festival, a afección polo teatro entre os mozos do Concello de Touro. Unha quincena de mozos e mozas con idades entre catro e 18 anos participan activamente nesta actividade. “O grupo de teatro está vinculado ao colexio pero moitos xóvenes que rematan os estudos non CPI continúan acudindo”. Afonso García Pena destaca que no VIII Festival de Teatro de Touro daranse cita máis de 200 actores e actrices dos grupos de teatro de Touro, Palas de Rei, Melide, Laxe e A Estrada. “Mantemos un circuíto de teatro entre estas localidades nos meses de abril e maio”. Os novos comediantes tamén programan unha viaxe que este ano será a Valencia, Alcalá de Henares e Madrid. “Alí tamén sairemos ao escenario”, apunta. O director confía en que o tempo acompañe e, como xa é tradicional, o público amante do teatro acuda o sábado a apreciar o traballo da aula de Teatro do CPI de Touro.

O grupo de teatro afeccionado de Touro comezou fai 17 anos, vinculado ao Colexio Público de Fonte Díaz e da man da profesora Delfina Deval. A afección foi medrando e os mozos tamén participaron cada vez máis. Desde fai oito anos estableceuse o Festival de Teatro de Touro, que hoxe xa é unha cita destacada no panorama teatral de Galicia.

5 de maio de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.