publicidade hoxe

Licítase a reparación da cuberta da piscina municipal de Cambados por 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

A Deputación aprobou, na súa Xunta de Goberno deste venres, o proxecto definitivo para substituír a cuberta da piscina climatizada do complexo polideportivo do Pombal. Tal e como se establece no convenio de colaboración asinado recentemente co Concello de Cambados, destinaranse 600.000 euros para levar a cabo as obras de mellora necesarias para resolver as deficiencias que presenta a instalación.

A institución provincial asumirá o custo das obras, que se sufragarán con cargo ó Plan Provincial de Obras e Servizos (POSP) 2015, con fondos dos “Investimentos xestionados en cooperación cos concellos en instalacións deportivas”.

A infraestrutura, de máis de 15 anos de antigüidade, segundo manifestou o presidente Rafael Louzán “leva varios meses pechada” polas deficiencias que presenta na súa cuberta, que se queren reparar con esta actuación. Presenta ademais problemas de hermetismo e impermeabilidade que, ademais de impedir o seu uso, ocasionan un gasto enerxético insostible. 

Rafael Louzán destacou que esta actuación “completa as obras que xa se están facendo nesta zona deportiva do Pombal para a remodelación da parte exterior do pavillón de deportes, a construción dun novo campo de herba sintética e a remodelación das pistas de tenis”.

O proxecto aprobado pola Xunta de Goberno recolle tamén que o prazo de execución das obras será de seis meses.

15 de maio de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.