publicidade hoxe

Libéranse 150 exemplares de salmón portadores de larvas de mexillón de río no couto de Ximonde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVedra
A-
A+
Ethel Vázquez na solta de exemplares

Ethel Vázquez na solta de exemplares

A Xunta de Galicia liberou hoxe 150 exemplares de salmón atlántico portadores de larvas de mexillón de río no couto de Ximonde, co fin de facilitar a implantación desta especie na bacía do Ulla. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, participou hoxe nesta solta co gallo da conmemoración do Día Internacional da Diversidade Biolóxica.

Ethel Vázquez destacou que esta solta completa outras xa realizadas de exemplares de troitas e salmóns, sumando un total de 2.000 peixes (1.100 salmóns e 800 troitas), que poderían achegar preto de 100.000 sementes de mexillón de río á bacía do Ulla.

Estas accións de liberación enmárcanse no proxecto Life Margal Ulla, no que participan as Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural e do Mar, así como a Universidade de Santiago.

Este proxecto ten como obxectivo prioritario mellorar o hábitat para que as poboacións do mexillón logren reproducirse e obteñan o reclutamento necesario para que non se extingan.

Segundo explicou a responsable de Medio Ambiente, o mexillón de río é unha das especies máis ameazadas en Europa, desempeñando un papel ecolóxico moi importante, xa que actúa como filtro biolóxico, contribuíndo a manter unha boa calidade das augas.

Día Internacional da Biodiversidade Biolóxica

Na xornada de hoxe conmemórase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica, co obxectivo fundamental de concienciar á poboación da necesidade de preservar a variedade de hábitats e de especies existentes no planeta.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou esta data, facéndoa coincidir co aniversario da aprobación do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, en 1992.

Ethel Vázquez salientou que este ano, o lema escollido é Diversidade biolóxica para o desenvolvemento sustentable, co que se busca chamar a atención sobre a necesidade de que as estratexias de protección da biodiversidade inclúan tamén medidas para a protección da pobreza e a promoción dun desenvolvemento sustentable.

22 de maio de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.