publicidade hoxe

Fútbol, spinning, andaina e marcha centran as citas deportivas do fin de semana en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Durante todo este fin de semana, o municipio de Verín acollerá a realización de actividades deportivas aptas para todas as idades e destinadas a promoción da saúde o deporte. As citas programadas para estas dúas xornadas son as seguintes:

– VI Torneo Internacional de Fútbol 8 ‘Vila de Verín’ (30 e 31 de maio. De 09.45 a 20 horas. No complexo deportivo de A Granxa). Participarán trinta e sete equipos de Galicia e norte de Portugal nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín. Na categoría prebenxamín competirán os equipos Antela, Celanova, ED Ourense, Santa Teresita, Vila de Corpus (Ponteareas), Arrabaldo, EDC Verín A, Purísima e Velle. Mentres que na de benxamín serán doce as formacións que participen: Antela, Boticas, Chaves, ED Ourense, EDC Verín B, Santa Teresita, Arrabaldo, Celanova, Diogo Cao (Vila Real), EDC Verín A, Ourense CF e Vila de Corpus (Ponteareas).  E xa na categoría alevín serán dezaseis os equipos que formen parte desta competición: Antela, Barbadás, Chaves, ED Ourense, EDC Verín B, Pedro Fins (Chaves), Santa Teresita, Vigo 2015, Arrabaldo, Boticas, Diogo Cao (Vila Real), EDC Verín A, Independiente (Vigo), Ourense CF, Tyde (Tui) e Vila de Corpus (Ponteareas). Organizado polo Concello de Verín coa colaboración de Cabreiroá, Hortoverín e AEVER-CCU Verín.

– ‘Master Class Spinning’ (30 de maio. Ás 10 horas. Na Piscina Climatizada de Verín). Esta actividade estará destinada a todas as persoas interesadas na práctica do spinning e amantes da bicicleta. Durante hora e media, dous monitores ofertarán esta clase guiada na que de modo práctico amosarán como se debe realizar esta disciplina deportiva.

–  ‘Andaina Solidaria e Paseo Fotográfico en Familia’ (30 de maio. Ás 18 horas). Destinada a recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer. Esta iniciativa está pensada para toda a familia -non hai límite de idade para a súa participación e os/as menores poden realizar esta andaina en mochila ou carrito-. A saída será desde o Pavillón Municipal de Deportes de Verín, e cun total 6 quilómetros os/as asistentes desprazaranse ata o campo dos Remedios (Vilamaior), onde se realizarán xogos cooperativos para os/as participantes e os/as nenos/as tamén contarán con inchables. A inscrición poderá realizarse tamén mañá antes do inicio da andaina. A retirada de dorsal terá lugar mañá ás 17.30 horas -os/as participantes tamén recibirán avituallamento-, no propio Pavillón de Deportes, onde estará instalada unha urna na que se poderán realizar doazóns, que serán destinadas de modo íntegro para ‘Gotas para Níxer’, unha campaña de mobilización escolar en apoio ao programa de supervivencia infantil que UNICEF desenvolven en Níxer. O custe do dorsal é de 1 euro para adultos e 0,50 € para nenos/as.  Esta andaina realízaa o Concello de Verín conxuntamente con Unicef España, a Unidade de Prevención de Condutas Aditivas e Escola de Familia Municipal, coa colaboración de Sousas, Cabreiroá, Cruz Vermella Monterrei, Saudeter, Hortoverín SL e Foto Lucon.

– VIII Marcha Val de Monterrei (31 de maio). Organizada polo club BTT Verín e Concello de Verín.. Saída desde o complexo deportivo de A Granxa (ás 09.30 horas). Conformada por dúas modalidades de participación (60 e 35 quilómetros), ademais dun paseo de 20 quilómetros. A retirada de dorsais terá lugar o propio día 31 de maio, a partir das 8 horas.  A ruta corta e a larga son iguais ata o quilómetro 16, onde se separan (a persoa que non chegue a este punto antes de 40 minutos despois de que tome a saída, deberá ir de modo obrigatorio á ruta cortar); e volven a unirse a dezasete quilómetros da meta. Haberá un avituallamento na ruta corta e dous na larga (máis un punto de auga nesta última).

29 de maio de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.