publicidade hoxe

Fene inaugura a exposición “Adriano, sesión continua” en torno ao seu emblemático cine

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A Asociación Cultural Lumen presenta Adriano, sesión continua, un proxecto cultural de creación multidisciplinar con vocación de universalidade e total liberdade creativa con dúas únicas condicións: xerar imaxes cunha forte carga visual e incluír ao cine Adriano coma elemento principal, soporte ou fondo do seu traballo. O resultado poderá verse nunha exposición colectiva na Casa da Cultura de Fene dende este venres, 8 de maio, e ata o día 31, en horario de 10 a 13 (de luns a sábados) e de 16 a 21 horas (de luns a venres). A inauguración da mostra terá lugar mañá ás 20 horas, nun acto presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa presenza dos artistas implicados.

O acto terá unha segunda parte a partires das 21,30 horas. Neste caso, no propio cine Adriano –edificio do ano 1947 de estilo indiano emprazado na parroquia de Barallobre-. Volverá a abrir as súas portas para acoller o visionado dun resumo audiovisual que recolle os dezasete traballos que integran a mostra e que foi bautizado co título desta. Un acto que inicialmente estaba previsto que presentase a actriz ferrolá Sonia Castelo, quen houbo de desculpar a súa ausencia por motivos profesionais.

Adriano, sesión continua é un único proxecto composto por 17 miradas sobre o emblemático cine fenés, 17 traballos que van da fotografía á curtametraxe, da instalación aos collages, da realidade á ficción, pero que conforman un todo que se poderá ver nesta exposición colectiva na Casa da Cultura de Fene

De seguido, relación dos traballos que integran a exposición:

– Tono Arias: A barreira invisible

– Pitusa Arias: Vivir no Adriano

– Gimena Berenguer e Begoña Bah: Tempo

– Marta Barros e Mario Nodar: A guía dunha muller de cine

– Rocío Brage e spam: Scherzo di follia

– Colectivo Intermitente: Para onde vai a cinema?

– Mª Dolores Fernández: Anacos de memoria

– Alba Gallo: Silent behind camera

– Brandán Gómez: Espazo de ruptura

– Carolina Martínez: You’re not in Barallobre anymore…

– Rosa Neutro: Mañana, último día

– Emilio M. Pardo Seoane: Doll on a music box

– Álex Pérez: Tódolos camiños levan a Adriano

– Eduardo Pérez: Ocos

– Rubén Rodríguez de Torres: Luces, cámara…

– Helena Segura-Torrella: Sesión continua

– Gosia Trebacz, Kirenia Celia Martínez Acosta e Lupe Vázquez: Tus sueños

8 de maio de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.