publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo garante o apoio da Xunta ao proxecto de transformación de leite en po da cooperativa Melisanto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelidePortada esquerda
A-
A+
Feijóo na visita a Melisanto. Foto: C. Paz

Feijóo na visita a Melisanto. Foto: C. Paz

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á profesionalización e ao cooperativismo como as chaves para fortalecer a industria agropecuaria e afrontar os novos retos do futuro.

Durante unha visita á cooperativa Melisanto, Feijóo aseverou que ante o momento de cambio que se abre coa nova Política Agraria Común, especialmente para o sector lácteo co fin das cotas, é imprescindible que a industria afonde nestes dous valores. E, neste sentido, avogou por saber converter as novas situacións e as dificultades que se presentan en oportunidades, “e iso require de dous ingredientes indispensables que son o traballo en común e o compromiso ante o cambio”, precisou.

Nesta liña, apelou ao traballo e compromiso dos produtores para buscar a maior eficiencia das explotacións, ampliando a base territorial, e unindo esforzos para reducir custos e lograr unha estrutura cooperativa máis competitiva; ao traballo e compromiso das organizacións de produtores lácteos e da industria para respectar os contratos dentro dun equilibrio; ao compromiso da industria transformadora para ampliar a súa oferta de produtos, de xeito que eleve a demanda do leite e contribúa á súa revalorización; e ao traballo e compromiso do distribuidor pola defensa do valor engadido que representa a excelente calidade da nosa materia prima.

Logo de salientar tamén o traballo e compromiso da Administración para ser o garante da vertebración deste sector e para velar por que a normativa do paquete lácteo se cumpra; o titular da Xunta destacou a cooperativa Melisanto e a Agrupación Cooperativa Láctea da que forma parte como un exemplo do compromiso de produtores que afondaron na economía de escala para aforrar custos e mellorar a eficiencia compartindo maquinaria e outros servizos; por buscar o equilibrio na construción dos prezos do leite, e avanzar na oferta de produtos de calidade innovando nos procesos de transformación; e por robustecer o sector.

Sobre este último aspecto, Feijóo destacou tamén o proxecto para relanzar a planta de Clesa en Caldas de Reis por parte de ACOLACT, xa que desde que adquiriu a factoría, Clesa multiplicou por dez a súa produción anual, exporta máis da metade da súa produción fóra de Galicia e, neste período, logrou duplicar a cifra de persoal.

Profundar nos procesos de transformación

O titular do Goberno galego animou ao sector a profundar nos procesos de transformación e afondar en proxectos como o leite en po, garantindo o respaldo da Xunta. E incidiu en que Melisanto é un exemplo de que a unión, o traballo en equipo, o esforzo común e unha axeitada xestión conducen a uns resultados máis positivos dos que se poidan acadar de xeito individual.

Ao fío disto, lembrou que falar do sector agrogandeiro é falar dunha industria vital para Galicia; dun sector que dá emprego a 64.300 persoas e que xera un valor económico anual de 2.600 millóns: no caso da agricultura, de 780 millóns de euros anuais; e, no caso da gandería, de 1.800 millóns de euros anuais.

Así mesmo, resaltou que a produción total de leite en Galicia aumentou en 80 millóns de litros na última década; a media de produción por explotación ascendeu a 210.000 quilos, un 213% máis; e o número de vacas por explotación pasou nos últimos seis anos de 18 a 28 cabezas. E, no caso da cooperativa Melisanto, concluíu salientando que está integrada actualmente por 800 socios, abrangue 252 explotacións e factura 22 millóns de euros.

12 de maio de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.