publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

FAGAL e a Fundación Barrié organizan en Zas unha charla sobre alzhéimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaZas
A-
A+

AFABER imparte o próximo martes 19 de maio ás 19:30h no Centro Social Polideportivo de Baio unha charla sobre o alzhéimer e as demencias, co fin de impulsar a relación entre as familias de persoas con alzhéimer e os servizos sociais. A detección de necesidades e familias afectadas para resolver as súas dúbidas é o principal obxectivo desta actividade organizada pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (FAGAL) e a Fundación Barrié, englobada dentro do Programa Red Paraguas.

A charla, impartida pola psicóloga da asociación, Lara Rodriguez, e a terapeuta ocupacional da mesma, Beatriz Crespo, fará un percorrido polas causas que levan a sufrir a demencia, así como o síntomas iniciais que se mostran nas persoas afectadas, como a perda de memoria ou a desorientación. Asi mesmo, a evolución e as etapas da enfermidade tamén será unha parte importante da actividade, xa que a charla está dirixida tanto a persoas que sofren os efectos de ter un familiar con alzhéimer como aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre esta enfermidade que se estima que afecta en Galicia a unhas 96.000 persoas.

O Programa Red Paraguas, creado en 2013 e renovado neste ano 2015, trátase dun amplo programa de actividades e servizos que busca mellorar a atención e a calidade de vida das familias coidadoras de persoas enfermas de alzhéimer, a través dun convenio asinado entre a Fundación Barrié e a Federación Galega de Alzhéimer (FAGAL).

18 de maio de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.