publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Evacuados os 9 tripulantes dun pesqueiro afundido preto de Estaca de Bares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMañónPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

A tripulación do pesqueiro ‘Gemina’, de bandeira francesa e con casa armadora domiciliada no Grove (Pontevedra) e porto base en Bayonne (Francia), está formada por un cidadán español, seis portugueses e dous galos. Así o confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, que sinalaron que todos eles foron rescatados tras sufrir unha vía de auga a embarcación, que se afundiu a 160 millas ao Norte de Estaca de Bares.

Ás 21,05 horas do martes o Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) de Fisterra (A Coruña) recibiu a chamada do armador do pesqueiro con bandeira francesa ‘Gemina’ que informaba de que tiña unha vía de auga a 160 millas ao norte de Estaca de Bares.

Cinco minutos máis tarde a tripulación do pesqueiro contactaba co CCS Fisterra para solicitar bombas de achique co fin de intentar controlar a vía de auga.

Salvamento Marítimo, en contacto co centro francés de Cross Etel, que coordinaba a emerxencia xa que estaba na súa zona de responsabilidade SAR, mobilizou de inmediato o helicóptero ‘Helimer 401′ con base na Coruña. Pola súa banda, Cross Etel enviou un helicóptero e un avión.

A media noite, o ‘Helimer 401′ facilitou unha bomba de achique ao pesqueiro e evacuou un dos seus tripulantes; o helicóptero francés trasladou cinco máis, mentres que tres permaneceron a bordo tratando de controlar a vía de auga co buque mercante ‘MSC Japan’ ao costado.

EVACUACIÓN

Finalmente, ante a imposibilidade de controlar a situación os tres tripulantes que permanecían a bordo do ‘Gemina’, de 20 metros de eslora, informaron de que abandonaban o pesqueiro. O mercante ‘MSC Japan” rescatounos e proseguiu viaxe a Rotterdam.

O tripulante evacuado polo ‘Helimer 401′ foi trasladado ao aeroporto de A Coruña. É de nacionalidade portuguesa e non requiriu asistencia médica, segundo concretou Salvamento. Os outros cinco mariñeiros rescatados polo helicóptero francés foron trasladados a Brest.

27 de maio de 2015 | 10:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.