Ethel Vázquez destaca a utilidade do intercambio de experiencias de inspección ambiental coa República de Macedonia

Ethel Vázquez na reunión coa delegación de Macedonia. Foto: C. Paz
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que o intercambio de experiencias en materia de inspección ambiental con representantes da República de Macedonia permiten avanzar e mellorar o cumprimento dos estándares europeos nesta materia.
A conselleira de Medio Ambiente recibiu a unha delegación da República de Macedonia que ao longo desta semana visita Galicia para coñecer os sistemas de inspección ambiental da Administración autonómica. Ethel Vázquez trasladoulles o seu desexo de que a súa visita lles sirva de axuda e utilidade de cara a reforzar o sistema de inspeccións do seu país e acadar unha maior protección do medio ambiente. Nese sentido, salientou o programa de actividades, deseñado polos responsables de inspección ambiental, coa finalidade de ofrecerlles unha ampla perspectiva e presentarlles as distintas iniciativas e experiencias que reflicten o modo no que se levan a cabo os controis ambientais.
Destacou a visita que realizarán ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, a Illa de Ons, que é un dos mellores exemplos de España dos ecosistemas propios das costas e fondos mariños. Durante esta semana, tamén visitarán empresas destacadas nos seus sectores, como Finsa, Feiraco, Estrella Galicia, TEN ou Trameve, que na maioría dos casos contan cunha autorización ambiental integrada.
Vázquez Mourelle mostrou á Delegación de Macedonia o agradecemento do Goberno galego polo interese que manifestaron por coñecer de primeira man os procesos de inspección ambiental que se desenvolven na Comunidade. Afirmou estar convencida de que esta visita contribuirá aos obxectivos que buscaban, como intercambiar experiencias en materia de inspección ambiental e asegurar o cumprimento dos estándares europeos introducidos nos últimos anos na lexislación macedonia.