publicidade hoxe

En marcha o III Campus Obradoiro CAB – Barbanza que se celebrará entre o 27 de xuño e o 1 de xullo en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportes
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro presentou hoxe unha das súas actividades de verán dedicadas aos máis pequenos: a terceira edición do Campus Obradoiro CAB – Barbanza, que se celebrará de novo no Concello de Boiro, entre o 27 de xuño e o 1 de xullo.

José Luís Mateo, director xeral do club, explicou que “nesta ocasión a actividade organízase xa coa colaboración da Fundación Heracles, e volverá ser en Boiro, onde se nos recibe como en casa”. Nese sentido, agradeceu especialmente os apoios “do propio Concello e de Jealsa, alicerces fundamentais para a consolidación desta actividade na súa comarca”. O directivo recalcou da actividade a posibilidade que dá de “compaxinar baloncesto e praia, transporte desde Santiago, numerosas actividades complementarias e visitas”.

Pablo Vázquez, director do campus explicou que este está dirixido a nenos de entre 5 e 18 anos “con actividades específicas e diferentes segundo a idade e o nivel”. Como novidade, anunciou “este ano temos a posibilidade de pensión completa, pasando a noite no propio pavillón, algo moi atractivo para os nenos que se suma á posibilidade de media pensión que xa había”. A dirección técnica queda asumida nesta ocasión por Dan Petts, membro do corpo técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro e adestrador do equipo junior.

Pepe Pozas será o un dos invitados deste ano ao campus, entre outras sorpresas. O malagueño animou aos pais a que se lancen a aproveitar estes campus que aos seus fillos lles encanta”, contou que a súa experiencia cos campus “foi sempre moi enriquecedora”  e garda aínda moitas anécdotas da súa participación neles. “A un xogador profesional non lle custa nada ir, xa que ve como isto marca aos nenos, que o dan todo e pon o seu mellor sorriso, algo que che fai pasalo ben a ti tamén”, engadiu.

A inscrición pódese realizar xa nas oficinas do club (abertas de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas), ata o 20 de xuño ou ata completar prazas. As tarifas, con desconto para accionistas, abonados, membros da canteira do club ou irmáns, van desde os 70 euros aos 295 euros.

O campus inclúe tamén o equipamento completo, un Balón Oficial Obradoiro, unha entrada para o primeiro partido na tempada 15/16 e desconto nas dos pais.

28 de maio de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.