publicidade hoxe

Descontos en libros para celebrar a festa das Letras en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Outro ano máis, como xa vén sendo habitual, o concello de Tomiño organiza a FESTA DAS LETRAS co gallo de promover a cultura galega e fomentar o uso normalizado da nosa lingua. Os actos, que comezarán a partir das 10h da mañá, levaranse a cabo na praza do Seixo. Todas as persoas asistentes poderán mercar libros en galego cun 40% de desconto e serán agasalladas cunha flor por cada exemplar que merquen.

Alén diso, a infancia e as persoas adultas poderán gozar de diferentes obradoiros e actividades na praza do Seixo: elaboración de pulseiras, adiviñanzas en galego, cantigas populares a ritmo de gaita e pandeireta, aprender palabras novas. Tamén se levará a cabo no salón de plenos do concello un obradoiro sobre o valor do galego, a cargo de AGAL (asociación galega da lingua). Toda a xente que participe nas ditas actividades será agasallada cunha camiseta de deseño propio, no que figura o petroglifo máis grande situado no Monte Tetón (Tebra).

Ás 12h da mañá haberá un concerto da Agrupación Musical de Goián e ás 17.30h o público asistente poderá disfrutar da obra de teatro “TI TAMÉN CONTAS”, a cargo da compañía Tropa de Trapo e en colaboración co Fondo Galego de Cooperación.

Destacar que, tamén este domingo, terá lugar o III Maratón en BTT “Desafío Terras de Turonio”, polos montes de Tomiño, coa participación do actor David Amor e o ciclista rosaleiro Serafín Martínez. Máis información e inscricións: www.desafioterrasdeturonio.com

11 de maio de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.