publicidade hoxe

Cultura conmemora as Letras Galegas coa comunidade terapéutica de Proxecto Home Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemora un ano máis as Letras Galegas coa comunidade terapéutica de Proxecto Home en Galicia a través dunha actividade específica coa que achegarlle aos seus participantes a figura, a vida e a obra do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo esta mañá un encontro na comunidade terapéutica das Cernadas que incluíu un relatorio centrado no polígrafo pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde, ao abeiro do programa educativo-terapéutico que desenvolve Proxecto Home Galicia.

No marco desta visita institucional na que estivo acompañado polo presidente de Proxecto Home Galicia, Ramón González Crespo, o secretario xeral tivo oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións, así como o programa educativo-terapéutico que se leva a cabo para promover a rehabilitación e a reinserción social de persoas toxicómanas.

A Consellería de Román Rodríguez está a colaborar tamén con Proxecto Home Galicia na VII Exposición Arte e Solidariedade, coa que esta entidade conmemora o 25º aniversario do inicio do programa asistencial, que se pode visitar xa en Ferrol, logo do seu paso por Santiago de Compostela e A Coruña. A itinerancia da mostra continuará ata setembro con paradas nas cidades de Ferrol, Vigo, Lugo, Ourense e Pontevedra. O conxunto expositivo recolle obras de máis dun cento de artistas e unha parte importante das vendas irá destinada ao reforzo do traballo de Proxecto Home nas catro provincias galegas.

13 de maio de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.