publicidade hoxe

Contos e imaxes para promover en Cabanas a solidariedade polo Día do Comercio Xusto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O CEIP Eladia Mariño acolle o espectáculo de contos ‘Ti tamén contas’ para promover a solidariedade, e o IES Fraga do Eume contará esta semana coa exposición fotográfica ‘Imaxes con Fondo’, todo elo coincidindo co Día Mundial do Comercio Xusto. Senllas actividades están organizadas polo Concello de Cabanas, como socio do Fondo Galego de Cooperación, desde onde contribúe a impulsar proxectos de desenvolvemento en países do Sur e á concienciación da cidadanía en Galicia a través de actividades de sensibilización coma estas.

A mostra, que permanecerá no IES ata o 15 de maio, promove a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a fotografía. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que concursaron na primeira edición do certame ‘Imaxes con Fondo’, nunha aposta polas condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan.A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas. Ademais, todos estes contidos serán traballados co alumando pola educadora social do Proxecto de Fomento da Convivencia que se está desenvolvendo no centro financiado pola Deputación da Coruña.

A Tropa de Trapo levará a proposta músico-teatral ‘Ti tamén contas’ ao CEIP Eladia Mariño ao alumnado de 3º e 4º de primaria mañá martes. As historias narradas por Marta Ortiz e Brais das Hortas introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais para debater logo co alumnado sobre a relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas e participativas.

11 de maio de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.