publicidade hoxe

Conde avalía cos empresarios de San Cibrao medidas conxuntas para impulsar a competitividade empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Conde na reunión cos empresarios

Conde na reunión cos empresarios

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro con empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas no que se avaliaron medidas conxuntas para continuar a impulsar a competitividade das empresas asentadas neste parque empresarial e promover a implantación de novos proxectos no mesmo. Na reunión, celebrada na sede da asociación de empresarios, que preside Elías Mera, o conselleiro trasladoulles as principais liñas de actuación da Consellería, ao tempo que escoitou as súas propostas.

O conselleiro de Economía e Industria incidiu en que San Cibrao vai xogar un importante papel na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que vén de conseguir a aprobación do Consello Galego de Economía e Competitividade, reunido hoxe por primeira vez, e que ten entre os seus obxectivos que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos.

Sinalou o conselleiro que, co obxectivo de activar a Industria 4.0 en Galicia, se achegará a tecido empresarial financiamento destinado a innovar centrado tanto na renovación de maquinaria como na introdución de melloras en procesos produtivos e tecnoloxía. Tamén no eido da innovación, Francisco Conde animou aos empresarios a participar na nova convocatoria do programa Innterconecta, que vén de activar o CDTI para impulsar proxectos innovadores en cooperación. Así mesmo, resaltou o papel do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, sede da aceleradora de innovación Agrobiotech.

No eido da simplificación administrativa, o conselleiro de Economía e Industria lembrou a Lei do Emprendemento e da Competitividade, na que se suprimiron con carácter xeral as licenzas municipais de obra e actividade substituíndoas por unha comunicación previa, así como a creación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que asumen a responsabilidade do contido destas comunicacións fronte á administración pública. Do mesmo xeito, recordou aos empresarios de San Cibrao das Viñas a recente publicación do novo decreto que pon en marcha unha xanela única para a apertura de gasolineiras.

Francisco Conde trasladoulle así mesmo aos participantes na reunión que unha economía máis internacionalizada é sinónimo de fortaleza e competitividade, lembrando que a Xunta destinará ao desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 50 millóns de euros nos dous próximos anos. Neste sentido, recordouse que as exportacións das empresas da provincia de Ourense se incrementaron en máis dun 11% en 2014 con respecto a 2013, e que nos dous primeiros meses do ano as exportacións ourensás aumentaron nun 6% en relación ao mesmo período do ano anterior.

No encontrou lembrouse ademais que o Polígono de San Cibrao está de celebración, xa que este ano fai medio século de actividade, destacando que nos seus preto de 5 millóns de metros cadrados están establecidas 325 empresas, que xeran máis de 8.000 empregos directos. No primeiro trimestre de 2015 o polígono impulsou 563 novas contratacións no sector industrial.

4 de maio de 2015 | 20:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.