publicidade hoxe

Concentración contra a violencia de xénero en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Concentración de repulsa en Verín

Concentración de repulsa en Verín

A praza do Concello de Verín acolleu esta mañá unha concentración silenciosa, de cinco minutos, na que participaron representantes políticos e veciños/as da localidade co obxecto de condenar publicamente o acto de violencia de xénero que tivo lugar esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, manifestar consternación pola morte da veciña María Isabel Fuentes Fernández e expresar solidariedade cos familiares e amigos/as.

A concentración estivo presidida polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e os/as concelleiros/as de todos os partidos políticos que conforman a corporación municipal. Ao finalizar a mesma, o rexedor verinense procedeu á lectura dun comunicado no que se condenaba esta morte. “O máis sincero pésame á familia, e desexar que feitos ou delitos coma este se desterren totalmente da sociedade na que vivimos”, subliñou, “xa que a violencia de xénero constitúe un atento contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres e do conxunto da sociedade, ao que non podemos darlle as costas”. Ademais realizou un chamamento á poboación para rematar cos silencios sociais e individuais que amparan a violencia; así como para protexer as vítimas da dor e inxustiza ás que se ven sometidas, porque “ante a violencia de xénero a tolerancia sempre DEBE SER CERO”. Ademais recordou que se pode denunciar calquera situación de violencia de xénero nos 016 ou 900 400 273, así coma ante as Forzas e Corpos de seguridade ou nos Xulgados; e que o Concello de Verín conta co departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información ás Mulleres-CIM, uns servizos totalmente gratuítos que ofrecen atención permanente para as necesidades de todas as mulleres do municipio e bisbarra, de modo anónimo e confidencial.

Previamente á concentración tivo lugar, con convocatoria urxente, a Mesa da para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero, presidida polo alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán, a concelleira de Igualdade, María Corona Meixeira Romasanta; e na que participaron traballadores/as sociais do Centro de Información ás Mulleres-CIM, Mancomunidades de Municipios da Comarca de Verín, persoal do Hospital Comarcal, dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e Xustiza. Na mesma, condenouse o acto de violencia machista vivido nas últimas xornadas, e acordouse a convocatoria dunha nova reunión da Mesa, o 27 de setembro, para analizar todos os recursos de protección ás vítimas.

A mesa para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero busca mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.

8 de maio de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.