publicidade hoxe

Comunicado da Plataforma Sarriana polo Río

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

Tras ler a entrevista a Dª Victoria López no xornal El Progreso de hoxe, a Plataforma Sarriana polo Río congratúlase de que ao fin comecen a aflorar de novo as primeiras voces críticas co Proxecto de Encanamento nas filas do PP de Sarria, tras ser reprimidos e acallados os primeiros intentos das valentes militantes dese partido que nos acompañaron nas primeiras concentracións da Plataforma de 2014.

Agradecémoslle o recoñecemento de que “a Plataforma sabe o que fai e conseguíu cousas importantes”, así como o anuncio de que “se o proxecto ten erros haberá que rectificar”, o que entendemos como un compromiso electoral do PP e un cambio radical da posición mantida até agora. Ainda que ata o de agora botamos de menos o apoio de Dª Victoria López, benvida sexa a mollarse polo río. Porén, non logramos entender as declaracións de Dª Victoria López, que figura nunha lista encabezada por quen na entrevista de El Progreso do 18 de xaneiro definía as eleccións locais como “O plebiscito do encanamento”.

As acertadas críticas da Sra. López Díaz ao acabado do chan do Malecón son compartidas pola Plataforma, pero non entendemos que sen ser técnica critique isto e pola contra non lle valga que outros, que coma ela tampouco somos técnicos, critiquemos outras actuacións das obras.

O que si parécenos intolerable é que dita tenente-alcaldable diga que se ruboriza porque “a xente se pon a falar das pontes sen saber do que falan”. A xente son os electores, os cidadáns, e pola nosa parte estudamos os miles de folios do proxecto, solicitamos o parecer de varios enxeñeiros e arqueólogos, e percorremos os arquivos para informarnos e fundamentar as nosas alegacións sobre o valor das pontes. Nesa procura de información topamos cos obstáculos que nos puxo o Sr. Alcalde de Sarria, que, sen ningunha xustificación, impediunos o acceso á documentación histórica custodiada no Concello a segunda vez que alí fomos.

Esta actitude, xunto co empeño en reprimir a liberdade de expresión, concentración e manifestación por parte do cabeza de lista do partido da Sra. López Díaz, é unha das razóns que explica que figure nunha das nosas pancartas a frase “SEN MEDO Ó CACIQUISMO”, á que alude Dª Victoria López na súa entrevista. ¿Non son caciquismo as ameazas que sufriron os proveedores do Concello para que non acudisen ás manifestacións e actos da Plataforma? ¿No é caciquismo o facerlle a vida imposible ás valentes militantes do Partido Popular que acudiron ás manifestacións e roteiros da plataforma?

E qué dicir do intento fallido do Sr. García de reprimir a liberdade de expresión solicitando á Subdelegación do Goberno que non se autorizase a manifestación da Plataforma de outubro de 2014. Caciquismo, si, e represión tamén mediante a imposición de sancións desproporcionadas e inxustificadas aos membros da Plataforma que evitaron unha tala ilegal. O actual Alcalde de Sarria, que acompaña a Dª Victoria López na lista do PP, leva actuando desta maneira dende hai tempo. A censura das pancartas, dos lazos, das bandeiras, dos corazóns de gomaespuma, ou sexa, da liberdade de expresión, concentración e manifestación nun Estado democrático de dereito son expresións do caciquismo e da represión que teñen substituido ao respecto e ao diálogo na relación do Sr. García cos seus veciños.

A atribución á Plataforma de danos aos hosteleiros, que fai Dª Victoria López, é intolerable. A Ponte Ribeira foi cortada hai xa máis dun ano pola CHMS e as súas presuntas ilegalidades son a causa de que a Xustiza paralizase cautelarmente as obras nela seis meses despois. O descoordinado e simultaneo corte de tres pontes ou o actual corte de dúas delas foron programados pola CHMS co beneplácito do alcaldable que acompaña a Dª Victoria.

Tamén sorprendenos que a Sra. López Díaz critique o suposto cambio de postura doutro partido pero non do seu, que hai 4 anos estaba en contra deste encanamento pero agora parécelle intachable.

Finalmente, o que non temos moi claro e que as declaracións da número 2 na lista do PP as municipais non estean fomentando a crispación. Recomendámoslle que se molle polo río e pola defensa da liberdade de expresión. 7.800 asinantes das nosas peticións agradeceríanllo.

7 de maio de 2015 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.