publicidade hoxe

Cabanas informa do remate do prazo para participar nos campamentos deportivos da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O próximo venres, 29 de maio, rematará o prazo para inscribirse nos Campamentos Deportivos que organiza a Deputación da Coruña. Nesta ocasión o lugar escollido para levalos a cabo será o Colexio Calvo Sotelo da Coruña, correspondéndolle os rapaces e rapazas de Cabanas a quenda do 5 ó 11 de xullo.

Nesta ocasión organizaranse dous grupos. O primeiro deles para aqueles nados nos anos 2005, 2004, 2003, 2002 e 2001 e un segundo grupo para os nados nos anos 2000, 1999 e 1998. En ambos casos a cota de inscrición será de 85 euros que deberá aboarse unha vez obtida a praza. Nesta inscrición inclúese o transporte interno, estadía e manutención en residencia e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas.

Recoméndase un equipo mínimo composto de roupa de rúa, equipamento deportivo (chandal, suadoiro, pantalóns curtos, camisetas deportivas, calcetíns, zapatillas de deportes, chanclas para a ducha, traxe de baño, útiles de praia e piscina), toallas de aseo, saco de durmir, gorra e gafas de sol, crema protectora para o sol, chuvasqueiro e mochila pequena. O material propio das actividades deportivas (raquetas de tenis, balóns e chalecos salvavidas) entregaránselle a cada participante durante a celebración do campamento.

Neste campamento está previsto realizar un amplo programa de actividades, entre as que se inclúen deportes náuticos, equitación, kaiaks, paseos en barco, tenís, baloncesto, voleibol, etc. Como novidade ademáis, para os participantes no grupo dos nados nos anos 2000, 1999 e 1998 hai a posibilidade de clases de inglés. Tamén se realizarán visitas a centros de interese cultural na comarca e cidade da Coruña así como actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demáis.

26 de maio de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.