publicidade hoxe

Brión, Oroso e Teo certifican a morte do convenio do transporte metropolitano da área de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal PortadaOrosoTeo
A-
A+

Os alcaldes de Brión, José Luís García, de Oroso, Manuel Mirás, e o edil de Transportes de Teo, Anxo Rei, explicaron esta mañá publicamente a súa posición contraria á proposta da Dirección Xeral de Mobilidade dunha nova ampliación do Convenio do Transporte Metropolitano de Santiago.

A Xunta de Galicia convoca unha reunión mañá na que pretende aprobar a adhesión dos seguintes concellos: Ordes, A Baña, Padrón, A Estrada, Vila de Cruces e Carballo. Os tres representantes municipais destacaron que “non estamos en contra dos intereses lexítimos destes concellos de beneficiarse dunha política tarifaria concreta”. Sen embargo os tres Concellos, Brión, Oroso e Teo, que supoñen o 44% da poboación do Convenio orixinal asinado no 2006, coinciden en que “os problemas do transporte metropolitano na área de Santiago continúan sendo os mesmos que no 2006”.

José Luís García, rexedor de Brión, destacou que “dez anos despois do convenio de transporte seguimos cos mesmos autobuses, mesmos horarios e menos frecuencias”. “Por saber na Dirección Xeral de Mobilidade non saben nin cantos vaixes van a Brión” destaca o alcalde de Brión quen tamén denunciou que a rolda de prensa se tivera que facer nun local municipal de Teo “ante a negativa da Fegamp de cedernos unha sala”.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que o convenio “nacía hai 10 anos con carencias como non ter constituído un consorcio do trasnporte metropolitano e nestes anos a Xunta non mellorou o servizo que lle da aos cidadáns”. Exemplificou esta situación dicindo que “moitos operadores actúan á súa maneira, como Monbús que chega á hora que quere e cando lle da a gana”. Para Mirás “cando falamos do transporte metropolitano non podemos saír da corona de Compostela, que somos os Concellos que asinamos o convenio orixinal, Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Vedra, Val do Dubra, Oroso e Santiago”. O rexedor de Oroso explicou que “os concellos que teñen interese en entrar terán que ilos integrando pero nun réximo distinto, que no pode chamarse Convenio do Transporte Metropolitano de Santiago”.

Pola súa banda, Anxo Rei, concelleiro de Transportes de Teo destacou que a intención de integrar concellos como Carballo ou Vila de Cruces “desvirtúa a natureza do convenio xa que entre eles hai máis de 100 quilómetros de distancia”. Esta sería a terceira ampliación de Concellos dentro do Convenio xa que no 2010 incorporouse O Pino, Touro e Trazo e no 2012 Rois e Negreira. Anxo Rei destacou que “nestes anos de vixencia do convenio a Xunta non foi capaz de realizar uns horarios para publicar nas webs municipiais ou colocar nas marquesiñas”.

Dende os tres concellos destacan que “non nos opoñemos a que outros se beneficien de políticas tarifarias similares ás da área metropolitana pero entendemos que a vía da ampliación do convenio non é o instrumento”. Tamén foron moi críticos co xeito no que a Xunta “falsea os datos e fala de incremento de investimento no transporte metropolitano cando ese incremento non é na mellora do servizo e en todo caso será en ampliacións ou na creación de novas áreas metropolitanas”.

Anxo Rei tamén explicou que “os únicos instrumentos que se plantexaron nalgún momento no marco do convenio que nos resultaron de interese, as liñas interiores e os servizos de interese metropolitano foron eliminadas ou ralentizadas por Mobilidade amparándose precisamente nunha falta de orzamento”. De xeito moi concreto Teo leva cinco anos con dúas liñas interiores deseñadas e máis dun ano cun compromiso orzamentario aprobado en pleno para a posta en funcionamento dese servizo “e a única resposta da Xunta son trabas burocráticas para a súa posta en marcha”.

11 de maio de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.