publicidade hoxe

BNG, PSOE e IU bloquean as obras de mellora de sete parques infantís en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O concelleiro de Promoción Económica e Facenda, Juan José Franco, explicou que a subvención para proceder á mellora e adaptación de sete parques infantís de Fene á normativa europea e construír un parque biosaudable no municipio está en perigo. Esa subvención, concedida por Vicepresidencia da Xunta, supera os 21.000 euros e permitiría cubrir o 80% do custe das intervencións. O 20% restante tenno que aportar o Concello. E esta mañá, BNG, PSOE e IU votaron en pleno en contra da proposta para sufragar esa porcentaxe. Hai algo máis dun ano, repetiuse esta situación e o Concello tivo que renunciar a outra achega da Xunta para construir un parque infantil xunto á casa consistorial.

Para o concelleiro, a postura da oposición é incomprensible, especialmente do PSOE, xa que nos últimos meses demandou reiteradamente do goberno municipal a adaptación dos parques á normativa europea e, agora que o Concello recibe unha subvención coa que podería facelo co conseguinte beneficio para os feneses, vota en contra.

En todo caso, o edil confía en que esta situación se poida revertir, a pesares de que os prazos corren en contra. E é que todas as actuacións previstas deben estar aprobadas, contratadas, executadas e xustificadas antes do 30 de setembro.

As actuacións previstas levaríanse a cabo nos parques da Praza Verde do Ameneiral e Rosalía de Castro (ambos na parroquia de Perlío); parque de Curros Enríquez (Maniños); parque do Souto (Sillobre); parque da Hortiña (Limodre), e parques da Praza e da Praza do 10 de Marzo (San Valentín). O Concello tamén se propoñía coa achega habilitar unha área deste tipo na parroquia de Sillobre, na zona posterior ao local social de San Marcos.

22 de maio de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.