publicidade hoxe

As minas de San Finx converteranse nun gran escenario no que actuarán seis compañías teatrais no “Microteatro 2015”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

As minas de San Finx acollerán este domingo 10 de maio, a partir das sete da tarde, a segunda edición do programa “Microteatro”, unha nova forma de disfrutar do teatro no que o público, no canto de estar sentado na súa butaca, moverase por ata seis escenarios diferentes para asistir as representacións doutras tantas compañías de teatro. Unha iniciativa de participación totalmente gratuíta, se ben por razóns de loxística é imprescindible anotarse na Casa da Cultura de Lousame ou no mail casacultura@concellodelousame.com (admitiranse anotacións ata o mesmo domingo).

O director teatral Gustavo García Dieste, coordinador da iniciativa, explica que “é un avance sobre o ano pasado. Saír a un espazo como San Finx é un risco e o interpreto como un paso adiante porque é un lugar que se presta moito para este espectáculo”. Unha iniciativa na que tomarán parte os catro participantes da primeira edición (Tik Tak Teatro, Teatro do Improvisto, Brandomín Teatro e o grupo local Tastarabás Teatro) aos que este ano se engaden Mya Teatro e Pinchacarneiro. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, indicou que “será unha experiencia novidosa e penso que moi positiva para os que participen, pois terán aos actores ao seu carón, como nunca os viron no teatro”.

Cada grupo interpretará unha escena diferente, duns 15 minutos cada unha, diante dun público composto por 10 ou 15 persoas, que irá rotando polos distintos lugares das minas de San Finx para disfrutar das seis representacións. “Este ano é moi variado. Vai haber dende zombies a ratas de tamaño natural, vellas vingativas e vaqueiros, e será moito máis divertido”, adianta Gustavo García. En total, no “Microteatro 2015” tomarán parte corenta actores e actrices, para os cales resulta un desafío pois “lonxe de ser repetitivo, cada vez que o interpretas fas algo diferente e iso é perfecto para coller táboas sobre o escenario”.

As actuacións que realizarán estas seis compañías son extractos das obras que están a representar este ano, polo que servirán a modo de tráiler para os veciños e veciñas de Lousame sobre o que poderán ver nos próximos meses. Teatro do Improvisto presentará “Non gañamos para sustos”, Tastarabás porá en escena “As tres gracias” e Brandomín Teatro fará o propio con “As nenas do esquenzo”. Así mesmo, Tik Tak Teatro representará parte de “Mamarrat, ou a estomacante decisión dun roedor”, mentres que Pinchacarneiro presentará “Vilar de inferno” e Mya Teatro “Te para dúas”.

8 de maio de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.