publicidade hoxe

Acebe ultima os preparativos do “II Desfile de moda do comercio de Betanzos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto, ACEBE CCA, ultima os preparativos do II Desfile de Moda do Comercio de Betanzos que se celebrará mañá sábado 16 de maio ás 20.30 h na céntrica Praza da Constitución e no que participarán unha ducia de establecementos comerciais asociados a ACEBE CCA entre os que se contan tendas de moda infantil, xuvenil, home, muller, roupa de baño, calzado, complementos, óptica e, como novidade, este ano haberá un pase de moda nupcial que pechará o evento. Ao finalizar o desfile haberá sorpresas e agasallos para o público asistente.

No desfile, que estará presentado pola xornalista betanceira Lucía Tenreiro, participarán Dbebes, Xoma Kids, Metamorfose, Confecciones Chela, Outfit, Cuore Boutique, Graf, Bicoca Moda Home, Cuplé, Óptica Brigantium, Dans Complementos e Freesia. Haberá pases infantís, nos que participarán uns sesenta nenos e nenas; e pases de adultos, nos que desfilarán oito modelos profesionais. O evento contará coa colaboración de Grupo Suárez Peluqueros, Fuchica Na Testa e Nana Peluquería Infantil que se encargarán do peiteado de todos os modelos, tanto nenos como adultos. Tamén colaboran na iniciativa Flores Dans e Arume Fotografía.

O II Desfile de Moda do Comercio de Betanzos é unha iniciativa organizada, por segundo ano consecutivo, por ACEBE CCA e deseñada coa finalidade de que os asociados poidan participar nun evento no que poderán amosar ao público unha escolla do que ofrecen os establecementos comerciais de Betanzos. A elección da emblemática Praza da Constitución para celebrar esta segunda edición da pasarela de moda supón unha clara aposta polo impulso do Casco Histórico de Betanzos mediante accións de dinamización e promoción comercial. Aínda que as previsións meteorolóxicas parecen favorables, en caso de choiva, o evento trasladarase ao Edificio Liceo de Betanzos como o lugar.

O Desfile de Moda do Comercio de Betanzos celebrouse por primeira vez en maio de 2014 e tivo una moi boa acollida. A presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, mostrouse moi satisfeita con esta segunda edición do evento: “Para nós é moi importante poder repetir este evento que o ano pasado tivo unha gran acollida por parte dos betanceiros e agardamos que nesta ocasión se repita o éxito, xa que consideramos que o desfile de moda é unha ferramenta moi importante de cara á promoción do noso comercio”. A presidenta de ACEBE CCA agradeceu o apoio dos socios e socias que se involucraron no proxecto.

Para levar adiante esta iniciativa ACEBE CCA conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos.

15 de maio de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.