publicidade hoxe

A Xunta investirá 60.000 euros na mellora do firme, a iluminación e a canalización de augas da rúa da Torrente en Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio. Foto: A. Varela

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde do concello pontevedrés de Cerdedo, José Silvestre Balseiros, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá arranxar o estado xeral da rúa da Torrente, no concello pontevedrés de Cerdedo.

O acordo asinado hoxe posibilitará que a Xunta de Galicia invista preto de 60.000 euros para mellorar o estado do firme, colocar iluminación público tipo led e executar a canalización de augas pluviais.

A actuación, que estará concluída este ano, está incluída dentro do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co obxectivo de facilitar a humanización das vilas e cidades galegas, dotándoas cos equipamentos precisos para un maior goce e benestar por parte dos seus veciños. Desde a súa posta en marcha, a Consellería de Medio Ambiente leva investidos preto de 93 millóns de euros para mellorar espazos públicos de 62 concellos galegos.

Hai que ter en conta que a rúa da Torrente atópase nun estado que non garante a seguridade para os veciños. Trátase dunha rúa con pavimento formado por laxes que presenta resaltes e fochancas, ademais de pezas soltas e remendos con formigón. Actualmente dispón de pequenas beirarrúas e accesos ás vivendas construídas polos veciños. Conta con sumidoiro de augas fecais, pero sen o correspondente para augas pluviais e non dispón de alumeado público.

Descrición dos traballos

Procederase ao levantado do lousado existente, procedendo a acopiar o susceptible de ser aproveitado. Procederase á apertura da caixa para o novo pavimento, así como a apertura das gabias para a colocación da liña de baixa tensión da iluminación pública, e o sumidoiro de pluviais, todo isto co debido coidado para non danar o de fecais existente. Abriranse as caixas das arquetas e pozos de rexistro.

Colocarase o sumidoiro de pluviais cos seus pozos de rexistro e realizarase o conexión a liña de sumidoiros que leva as augas cara á estación de augas residuais de Cerdedo.

Realizarase o tendido da liña de baixa tensión para a iluminación, discorrendo baixo tubo e instalando as arquetas de conexión.

Procederase á regularización e compactación do firme, de xeito que se dote dunha superficie de apoio acorde coas esixencias do pavimento final e colocarase un lousado de pedra de 10 cm sobre unha cama de area de 6 cm. E instalaranse os farois tipo con lámpadas LED e realizarase a conexión eléctrica.

29 de maio de 2015 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.