publicidade hoxe

A Xunta emite a aprobación definitiva parcial ao PXOM do Concello do Corgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Corgo
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde do Corgo

Ethel Vázquez na reunión co alcalde do Corgo

A Xunta de Galicia outorga a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Corgo, na provincia de Lugo. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, ao alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, durante unha xuntanza de traballo.

O novo planeamento substitúe as Normas Subsidiarias vixentes neste municipio dende o ano 1991, dotándose así o concello dunha ferramenta de ordenación do territorio. Este documento servirá como folla de ruta para posibilitar o desenvolvemento económico e social sustentable deste municipio nos vindeiros 16 anos.

Esta aprobación do PXOM queda condicionada á incorporación no documento dunha serie de correccións por parte do Concello do Corgo. Unha vez introducidas estas concrecións, e tras a súa aprobación plenaria, o texto elevarase de novo ante a Consellería de Medio Ambiente para certificar a súa aprobación definitiva.

O PXOM recolle 165 delimitacións de núcleos rurais dos que só 23 estaban xa aprobados por esta consellería, englobando neles o 94% da poboación municipal. Recoñécese un asentamento como solo urbano constituído na agrupación de edificacións localizadas en Estación e poténciase o núcleo rural do Corgo como capitalidade municipal co reforzo dos novos equipamentos na proximidade deste núcleo.

Neste documento predomina o solo rústico, que supón o 95,5% da superficie total do concello, facéndose especial fincapé nos espazos forestais e agropecuarios, un aspecto destacable tendo en conta que o sector primario é fundamental neste municipio.

Coordinación

Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mantivo varias reunións con representantes deste municipio así como co equipo redactor do PXOM para acadar a aprobación deste documento urbanístico. Neste sentido, dende a Xunta destácase a importancia da coordinación e colaboración entre as distintas Administracións á hora de introducir melloras nos concellos galegos.

O Goberno galego colabora de xeito técnico e financeiro cos municipios galegos para dotalos de planeamento urbanístico e no caso do Concello do Corgo, a Xunta realizou un investimento de preto de 162.000 euros en concepto de axuda para a redacción e tramitación do PXOM.

19 de maio de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.