publicidade hoxe

A Xunta declara dous proxectos empresariais singulares no Porto Seco de Monforte e outro no polígono de Palas de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de LemosPalas de Rei
A-
A+

A Xunta de Galicia declarou hoxe dous proxectos empresariais singulares no Porto Seco de Monforte e outro no polígono de Palas de Reis, cun investimento total previsto de arredor de 40 millóns de euros e a creación de 75 empregos directos e 305 indirectos. Así informou no Consello da Xunta a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que presentou os detalles dos proxectos empresariais declarados singulares, que deben constituír os avais e deben desenvolver os seus proxectos nun prazo máximo de tres anos.

En concreto, no Porto Seco de Monforte foron declarados dous proxectos singulares para empresas orientadas á transformación dos recursos forestais mediante a transformación de materia prima local.

Entre as dúas empresas demandan un total de case 100.000 metros cadrados de solo industrial no Porto Seco de Monforte, ao prever un investimento total de 35 millóns de euros e a creación de 65 postos de traballo directos e 305 indirectos.

A implantación de ambas as empresas no Porto Seco de Monforte dará lugar, ademais, á constitución por parte dunha delas dunha nova empresa para poñer en servizo e explotación a Plataforma Loxística Intermodal de Monforte, o que suporá un investimento adicional.

Dáse ademais a circunstancia de que, aínda sendo proxectos de diferente procedencia, son complementarios, polo que a súa instalación no mesmo parque empresarial reforza mutuamente ambas as dúas empresas, que se dedicarán á transformación de recursos forestais existentes no contorno.

Estas empresas ocuparán unha boa parte do Porto Seco de Monforte, que inclúen fases aínda non urbanizadas, e facilitarán a instalación neste doutras empresas auxiliares e complementarias.

Palas de Rei

Polo que respecta ao proxecto singular solicitado para o parque empresarial de Palas de Rei, trátase dunha empresa xa instalada no dito parque que necesita ampliar as súas instalacións.

Neste caso a empresa demanda a totalidade dos 22.038 metros cadrados que integran a segunda fase do parque empresarial de Palas de Rei, aínda sen urbanizar. A empresa asume as obras de urbanización e no seu caso as modificacións urbanísticas que deba realizar para o mellor aproveitamento da citada superficie.

O investimento previsto neste caso é de 4-6 millóns de euros e prevé a creación de 10 novos postos de traballo, que se sumarían aos xa existentes na empresa.

A instalación destas empresas en Monforte e Palas de Rei é posible grazas á política de bonificación de solo empresarial levada a cabo pola Xunta de Galicia a través de Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con descontos de entre o 30 e o 50% no prezo das parcelas.

Proxectos singulares

Para a declaración como “proxecto empresarial singular”, as empresas deben xustificar o carácter estratéxico da súa actividade ou as especiais necesidades de solo da empresa pola actividade desenvolvida, a necesidade de implantación nunha zona determinada pola especial vinculación da actividade empresarial a ese medio e valorándose especialmente os investimentos previstos, a creación de postos de traballo e a demanda de gran superficie de solo.

A principal vantaxe dos proxectos singulares é que as empresas obteñen a adxudicación directa das parcelas, sen concurso, o que outorga a posibilidade de elixir parcela. Incluso poden chegar a adquirir solo aínda non urbanizado, como é o caso de Palas.

13 de maio de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.