publicidade hoxe

A ‘Ruta do Holandés’ comeza a recibir grupos de peregrinos sobre dúas rodas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro aposta pola ‘Ruta do Holandés’ como unha ruta alternativa do Camiño Francés para cicloturistas de Holanda e do Norte de Europa. Coa chegada da primavera comezan a circular grupos de ciclistas desta zona. Así o constatan no Concello. “Dende fai xa unhas semanas estamos percibindo un incremento de peregrinos en bicicleta”, indican desde o Consistorio de Touro. Moitos destes peregrinos sobre dúas rodas detéñense na sede do Concello, onde reciben todo tipo de información turística. En ocasións mesmo o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, os saúda, entrégalles algún recordo e deséxalles feliz chegada a Santiago e estancia en Galicia. Ignacio Codesido tamén lles aconsella que visiten as paraxes naturais do Concello de Touro e as súas rutas de sendeirismo a beiras do Ulla.

O Concello de Touro confía en que a presenza de turistas europeos en bicicleta vaia a máis. Creen que a súa presenza é cada vez máis notable e farase notar nos próximos meses de verán. Pero, por que estes turistas europeos elixen esta ruta? Desde o Concello de Touro explícano: “Non está saturada de peregrinos como o Camiño Francés, o tráfico polas nosas estradas que están ben conservadas non é tan intenso e ademáis, as paisaxes e a natureza deste tramo son fermosísimas e os servizos que se ofertan aos peregrinos son óptimos e variados”, refírense en concreto a infraestrutura de restauración e casas rurais.

Esta ruta para ciclistas atravesa os concellos de Arzúa, Touro, Boqueixón e Santiago de Compostela. A ruta comeza no concello de Arzúa, concretamente no desvío da N-547 en dirección Touro e a dous quilómetros do tramo oficial do Camiño de Santiago. Durante 25 quilómetros transcorre pola estrada comarcal AC-240, que une Burres con Ponte Ulla. Nos quilómetros tres da ruta déixase o concello de Arzúa para entrar no concello de Touro pola parroquia de Beseño. Aproximadamente no quilómetro 12 da ruta éntrase na capital do concello de Touro, Fonte Díaz, onde os peregrinos poden selar a súa Compostela no Punto de Información Turística situado na Casa do Concello.

Por que é elixida esta ruta por moitos peregrinos ciclutoristas? Porque existen referencias da ruta nas guías editadas neses países sobre o Camiño de Santiago. A denominada ‘Ruta do Holandés’ é utilizada por holandeses, alemáns, austríacos e orixinarios dos países nórdicos en xeral.
Touro pretende converterse en plataforma para a promoción do turismo de natureza na comarca. Fonte Díaz conta tamén cunha área de autocaravanas.

29 de maio de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.