publicidade hoxe

A Fundación Camilo José Cela celebra con actividades para todos os públicos o “Letreseo, semana das letras no museo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+

A Fundación Pública Camilo José Cela -que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- ten programado un conxunto de actividades con motivo da celebración do “Letreseo, a semana das letras no Museo”. A súa sede de Iria Flavia (en Padrón), acolle unha intensa axenda cultural con xornadas de portas abertas, exposicións, talleres, actuacións e proxeccións dirixidas a todos os públicos. Deste xeito, esta institución pública conmemora o aniversario do nacemento do escritor Camilo José Cela (11 de maio), o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Internacional dos Museos (18 de maio).

Mostra sobre a orixe dos libros e a súa evolución

Como actividade previa ao “Letreseo”, desde onte permanece aberta ao público unha nova mostra na súa sede de Iria Flavia que, baixo o título “El palacio de los decires escritos”, pretende ofrecer un interesante percorrido polo universo do libro e a súa evolución ao longo da historia a través das múltiples xoias bibliográficas que se conservan no legado do premio Nobel padronés e que amosan a enorme paixón que sentía Cela pola palabra escrita.

Na mostra poderase ver cómo evoluciona a edición dos libros dende as súas orixes: do manuscrito á edición, pasando pola imprenta e ás múltiples formas, formatos e encadernacións. Pezas únicas coma edicións redondas, con cubertas extraordinarias, en formatos tamén extraordinarios ou que empregan papeis artesanais ou especiais poderanse apreciar nesta mostra na que ese palacio dos dicires escritos, que non é outro que o libro, termina por converterse nunha auténtica obra de arte. A exposición estará aberta ata o verán, de martes a sábado de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

Ademais, hoxe venres celebrarase a xornada de clausura do ciclo de cine e clube de lectura “Anagnosis” ás 18.00 horas, nun acto de acceso libre e gratuíto e que contará coa intervención especial do catedrático da Universidade de A Coruña, José Mª Paz Gago, que disertará sobre “Literatura e cine: unha perspectiva comparada. O Quixote na pantalla”.

Homenaxe a Filgueira Valverde no Letreseo

A partir do día 12 terá lugar unha das semanas máis intensas na programación cultural anual da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, que nesta III edición do “Letreseo” conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Padrón. Nela inauguraranse dúas exposición máis que encheran a sede de Iria Flavia da maxia das letras. Por un lado, expoñeranse na Fundación os traballos realizados polos escolares dos centros educativos participantes neste curso escolar no programa “Camiliño Josesiño vai á escola” e, asemade, poderase ver a exposición “Homenaxe a Filgueira Valverde”, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Ademais, durante toda a semana haberá actividades e talleres gratuítos para centros educativos (tódolos ciclos), e o mércores 13 terá lugar a tradicional xornada lúdica para as escolas unitarias e ciclos de infantil e primaria de Padrón e comarca en colaboración co Concello de Padrón e que este ano contará coa actuación especial de A Xanela do Maxín e o seu espectáculo “Titeremusicontos”.

Por último, o sábado 16, ás 12,00 horas haberá actividades especiais para familias co taller “Equilibrios no Museo” e a proxección do documental “Contextualizando a Filgueira Valverde” para tódolos públicos. Pode consultarse a programación completa e os teléfonos para información e reservas escolares no enderezo web da Fundación www.fundacioncela.com.

Concurso de Microrrelatos

O mesmo sábado 16 tamén as 12,00 horas no Salón de Ámbito Cultural do Centro Comercial Compostela de Santiago terá lugar a entrega de premios do IV Concurso de Microrrelatos da Fundación nas súas categorías de infantil, xuvenil e adultos e que patrocina “El Corte Inglés”.

Este concurso, co que a entidade padronesa pretende fomentar a creación literaria entre tódolos públicos, rende cada ano homenaxe a unha obra representativa do autor galego, sendo este ano a homenaxeada unha das súas obras populares “Viaje a la Alcarria”.

Nesta edición, que contou con Javier Pintor, Doménico Chiappe Silva-Santiesteban e Francisco Rodríguez Coloma coma Xurado, resultaron gañadores Areli Ruiz Mena na categoría de adultos e Luis González Cascales na categoría infantil, quedando deserto o primeiro premio da categoría xuvenil. Pode consultarse o listado completo de premiados en cada categoría no web www.microrrelatosfcjc.com .

8 de maio de 2015 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.