publicidade hoxe

A Feira do Viño do Ribeiro recoñece aos gañadores da cata popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+
Entrega de premios

Entrega de premios

Esta tarde tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 52ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, o alcalde do Concello de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge (coorganizadores do evento), o delegado provincial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, a directora de promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita e outras autoridades locais.

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado como mellor viño Ramón do Casar Treixadura 2.014, de Ramón do Casar, S.L. Pola súa parte, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Alter 2.014 de Viña da Cal, S.L. e o viño Antonio Montero Autor 2.014 de Antonio Montero Sobrino recibiu o segundo premio. Por último, na categoría de Viños Tintos o primeiro premio recaeu en Viña do Campo Mencía 2.013 de Bodegas Docampo, S.A. e o segundo premio foi para Tear dos Dodi 2.014 de Amalia Diéguez Martínez.

En canto aos premios, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, engade “recoñecémolos de suma importancia, pois é o público o os que os outorga. O consumidor recoñece e traslada nestes premios as súas preferencias e gustos, polo que non cabe máis que salientar o seu valor”.

Por outra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos a José González Méndez de Ourense, e na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos produciuse un empate técnico, polo que premiamos a dúas persoas, a Montse Valije Martínez, veciña de Salvaterra de Miño e a Noel Alvarado Hemilla, de Ourense. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados.

Na súa intervención, Miguel Ángel Viso quixo resaltar o gran potencial dos viños da colleita 2.014 indicando que “o traballo que se está a desenvolver na nosa Denominación de Orixe está a obter os seus froitos”, polo que quixo ademais felicitar “ás adegas e colleiteiros do Ribeiro” e convidalos a que continúen nesa liña de traballo, primando a calidade nos seus viños.

O alcalde de Ribadavia súmase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e agradece a participación de todos aqueles que se implicaron nesta 52ª Feira do Viño do Ribeiro. Unha edición que chega ao seu remate cun importante éxito en canto á participación do público. Os datos reflicten un importante respaldo a esta nova liña de organización da Feira, onde a calidade e a innovación se mesturan coa tradición e a cultura do viño. Dende o Concello apóstase por seguir traballando na mellora e na oferta de propostas que atraian ao público e que estean á altura do que o viño do Ribeiro é merecedor.

Cata Popular

Esta actividade, organizada polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro, está dirixida ao público, que é o que cata e premia os mellores viños da feira. As marcas presentadas (19 viños brancos e 13 tintos) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está a probar.

3 de maio de 2015 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.