publicidade hoxe

A familia da muller acoitelada no CHUO estuda accións xudiciais e autoriza á Xunta a ser acusación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVerín
A-
A+
Europa Press

A familia da muller acoitelada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) supostamente polo seu marido o venres estuda acudir ao xulgado de Verín como acusación particular contra a parella da falecida, e autorizou a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, a personarse como acusación popular, como noutros crimes de violencia de xénero.

Así o confirmou, Santiago Martínez, en calidade de portavoz familiar. A súa esposa é prima-irmá de Isabel Fuentes, a veciña de Verín de 65 anos que foi asasinada na súa cama do CHUO o pasado venres á primeira hora da mañá.

A primeira vítima da violencia machista en 2015 en Galicia non ten pais, irmáns nin fillos, segundo lembrou Martínez, pero sempre mantivo o contacto con curmás e curmáns residentes en Barcelona e Andorra. “A miña esposa falaba varias veces á semana con ela e tratábanse como irmás”, detallou.

O CONCELLO OFRECEUSE A TODO

O portavoz familiar destacou a actuación do alcalde e Concello de Verín, que se puxo a disposición da familia, desprazada ata Verín para o enterro do pasado sábado e para os papelorios posteriores. “Ofrecéronnos atención psicolóxica e calquera cousa que necesitemos”, agregou.

O Consistorio envioulles á casa a documentación para autorizar á Xunta a que exerza a acusación popular e devolvérona inmediatamente, asinada.

A familia tamén estuda exercer accións legais, pola súa banda, como acusación particular, pero decidirano tras falar cos avogados na noite deste luns.

O portavoz familiar reside en Andorra coa súa familia, onde espera regresar este martes, e relatou que a falecida levaba 27 anos convivindo nunha casa de Pazos (Verín) co seu agresor. “Fixo un ano hai pouco que casaron, por insistencia del”, lembrou, algo que lles estrañou” porque ela non tiña nin interese nin necesidade de facelo, segundo comentaron.

Nese sentido, esperan coñecer o testamento do seu familiar, pois teñen noticia de que Isabel Fuentes deixou o que tiña á filla do seu presunto agresor e da súa primeira esposa. “Saberémolo en canto se dea a coñecer”, abundou o portavoz da familia, e explicou que ata agora, ninguén da investigación lles preguntou nada.

MANIFESTACIÓN

Nese sentido, relatou que o trato do marido da falecida, Aniceto R.C., de 75 anos, tratou “sempre de marabilla” tanto á súa esposa como á nai desta, falecida hai uns meses.

“A relación de ambos era fantástica”, segundo Martínez, e tamén a de Aniceto coa nai de Isabel. “Ela nunca se queixou de nada e se vísemos o menor indicio, poñeríamoslle protección privada despois do suposto asalto á casa de hai un mes”, agregou.

A morte de Isabel Fuentes produciuse mentres se recuperaba no CHUO das feridas producidas tras o suposto asalto á súa vivenda de Pazos, na noite do 2 de abril, segundo denunciara o seu marido ante a Garda Civil, corpo que tiña indicios, no entanto, dun suposto caso de violencia de xénero.

A familia da muller vive en Barcelona e Andorra e regresará o día 29 a Verín para unha manifestación que percorrerá o camiño desde a vivenda do matrimonio en Pazos ata a casa consistorial -uns tres quilómetros-.

Outras dúas curmás da asasinada, Maribel López e María del Carmen Jiménez Fernández, asinaron a documentación necesaria para que a mobilización sexa autorizada. Terá a saída ás 20,00 horas do día 29 de maio.

Por outra banda, a portavoz do Centro de Información da Muller (CIM) municipal de Verín explicou que antes da súa morte, Isabel Fuentes “nunca se pasou” polo servizo municipal e expresou a “gran frustración” que senten desde o ocorrido.

Nese sentido, detallou que foron o primeiro servizo municipal deste tipo organizado en Galicia e desenvolven de forma continua “campañas de sensibilización nos centros escolares, respecto da violencia sexista”. Verín conta cun equipo que coordina ao persoal de administracións públicas, hospitalario e policial para previr e, no seu caso, facer fronte “a situacións deste tipo”.

11 de maio de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.