publicidade hoxe

A familia Cruces Artero cede un piano ao patrimonio municipal de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo recibiu hai unhas semanas a xenerosa doazón dun piano por parte dos herdeiros da familia Cruces Artero que será de uso público e xa está instalado na Mediateca do Grilo. Segundo explican dende a familia “quixemos ter este xesto para manter viva a memoria dos nosos pais, grandes persoas e profesionais cunha importantísima relación con este municipio”.

O piano xa está na Mediateca do Grilo onde se poderá usar respectando unhas normas de uso nas que se establece que poderán ensaiar persoas que teñan coñecementos do instrumento ou persoas que estean facendo estudos de piano e o precisen para practicar. Para non interromper as outras actividades propias da Mediateca o instrumento só se usará con cascos e pedirase autorización previa á persoa encargada da biblioteca.

Ó carón do piano colocouse unha pequena reseña das persoas ás que pertenceu. Antonio Cruces Nogueira (As Galanas 1921-San Domingos 2009) foi médico con consulta en Baíñas-Vimianzo (1950-1951) e nas Galanas (1952-1954). Posteriormente foi xefe territorial para o Noroeste dos laboratorios Ciba-Geigy rematou a súa vida profesional de médico en Calo onde exerceu dende 1977 a 1991. A súa muller María Concepción Artero Vázquez (Vigo 1920-San Domingos 2013) foi farmacéutica en Teo dende o ano 52 ata o 86, ano da súa xubilación forzosa. Primeiro tivo a botica en Galanas e posterioremente en Cacheiras, moi preto a onde agora está o piano. O seu fillo Xosé Antonio Cruces Artero (As Galanas 1952-Cacheiras 1998) foi titular da farmacia de Cacheiras e inspector farmacéutico municipal dende a xubilación da nai ata a súa morte. 

Dende a familia queren destacar que na toma da decisión pesou a evidente relación da familia, especialmente dos nosos pais con Teo, dende un punto de vista persoal e profesional. A concelleira de Cultura, Carme Hermida, encargada da xestión desta doazón ao Concello realizou un traballo de recompilación biográfica de Antonio Cruces e María Concepción Artero no que aparecen copias de documentos municipais xa que el foi concelleiro e tivo parte de actividades empresariais en Teo e ela polo seu traballo tamén tivo unha importante vinculación municipal. 

28 de maio de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.