publicidade hoxe

A exposición colectiva de artistas locais de Arzúa contará, como artista convidado, co fotógrafo José Veses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa cos preparativos da nova edición da Exposición colectiva de artistas locais que se levará a cabo na Capela da Madanela entre os días 12 e 21 do próximo mes de xuño. A inauguración está prevista para as 20.30 horas do venres, día 12, cunha actuación de música en directo.

Ao igual ca na edición anterior, contarase coa presenza dun artista convidado de fóra para lograr unha maior promoción desta mostra máis alá do noso municipio e bisbarra. Este ano o protagonista será o fotógrafo José Veses. Caracterízase por traballar coa luz como ferramenta principal de expresión. En 1998 crea o estudo Jan Parranda como plataforma profesional, desenvolvendo traballos fotográficos, deseños de iluminación de espectáculos e espazos, creación de centros de arte e finalmente, unha escola itinerante cun método persoal, converténdose nun referente como profesor de fotografía, iluminación e dirección de personaxes. As obras que presentará o artista dividiranse en tres bloques: Interacción, En femenino e Ellas

Para facer partícipes aos veciños e veciñas do municipio que se adiquen a algunha disciplina artística, de xeito afeccionado ou profesional, como a pintura, debuxo, deseño gráfico, fotografía ou artesanía, convídase a participar nesta exposición colectiva cun mínimo dunha obra e un máximo de cinco a calquera persoa que o desexe.

Para isto, cómpre reservar espazo no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa antes deste venres, 22 de maio. Tamén se pode chamar ao teléfono 981 500 222 para recibir máis información e aclarar calquera dúbida que poida xurdir. O espazo expositivo é limitado e irase cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

20 de maio de 2015 | 10:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.