publicidade hoxe

A Estrada, Ordes, Padrón, Vila de Cruces e A Baña asinan os convenios de adhesión ao plan de transporte metropolitano de Santiago

A Xunta e os Concellos da Estrada, Ordes, Padrón,  Vila de Cruces e A Baña asinaron hoxe os respectivos convenios de adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano de Santiago. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantou hoxe que no vindeiro mes de xullo xa se poñerá en marcha este servizo nos cinco municipios.

O acordo entre a Xunta e os concellos permitrá aos máis de 52.000 veciños dos cinco concellos sumarse ás vantaxes que ofrece o plan: aforros de entre o 30 e o 50% nos seus desprazamentos interurbanos; transbordos gratuítos co transporte urbano; e bonificacións adicionais do 15% se se trata de usuarios recorrentes, así como descontos do 20% ao 50% para as familias numerosas.

A modo de exemplo, un veciño da Estrada que se desprace ata Santiago de Compostela vén pagando un importe medio de 3 euros, que co emprego da tarxeta do transporte metropolitano, pasará a ser 1,84 euros. Outro usuario que viaxe dende Vila de Cruces á capital compostelá ou viceversa paga na actualidade 3,45 euros e coa utilización da tarxeta abonará tan só 1,84 euros.

Ethel Vázquez explicou que coa adhesión da Estrada, Ordes, Padrón, Vila de Cruces e A Baña xa son 18 os concellos integrados na área do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, e máis de 248.000 os cidadáns beneficiados. Concretou que os usuarios do plan melloran a accesibilidade e a mobilidade, ao dispoñer dunha alternativa real á utilización do vehículo particular. 

O Plan de Transporte Metropolitano de Santiago botou a andar o 3 de decembro de 2010, coa sinatura do convenio de creación da Área de Transporte Metropolitano de Santiago, que incluía 11 concellos. 

Estes acordos de adhesión sélanse logo de que, o pasado 12 de maio, a Comisión de Seguimento autorizase a integración destes concellos no transporte metropolitano de Santiago. 

Cómpre lembrar que o acordo inicial deixaba a porta aberta á ampliación xeográfica para facer extensivos os beneficios do plan aos cidadáns doutros municipios, polo que en outubro de 2012, sumábanse ao Plan de Transporte Metropolitano os concellos de Negreira e Rois; e hoxe fírmase a incorporación de  cinco novos municipios.

20 de maio de 2015 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.