publicidade hoxe

A Deputación de Lugo colabora con Fudace para facer do seu Centro de Castro de Rei o primeiro de Galicia en autoabastecerse de enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Goberno deste venres aprobará un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Fundación de Dano Cerebral-Fudace para acometer melloras no edificio que actualmente ocupa o centro de atención e rehabilitación que a Fundación ten no Concello de Castro de Rei, o único de Galicia especializado en danos cerebrais, que presta atención a máis de 50 persoas.

Con este convenio, o organismo provincial achega 100.000 euros para os custes da instalación dun novo sistema de autoxeración de enerxía eléctrica, neste caso mediante o aproveitamento eólico. As actuacións previstas consisten na colocación de tres aeroxeradores, así como as placas e as baterías correspondentes, de xeito que permitirán producir ata 7,5 Kw de enerxía.

Estes aeroxeradores sumaranse ao equipamento previo -placas fotovoltaicas e caldeira de biomasa-, e a un banco de baterías que permiten a acumulación de enerxía. De feito, agás nos meses de temperaturas baixas, nos que o consume se incrementa polo uso da calefacción, o Centro de Fudace é capaz de xerar un excedente eléctrico.

A instalación e posta en marcha destes aeroxeradores será a terceira e última fase dun proceso que Fudace iniciou no ano 2010 e que, unha vez rematado, permitirlle xerar o 95% da enerxía que consume. Isto pode supoñer un aforro de ata 36.000 anuais.

O Centro de Dano Cerebral que Fudace ten en Castro Riberas de Lea está composto por un total de 7 edificios nos que se ofrecen servizo de residencia e centro de día, así como dotacións para actividades de rehabilitación, tales coma un ximnasio e unha sala de hidroterapia.

13 de maio de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.