publicidade hoxe

A Deputación de Lugo acolle a presentación do libro “Galicia en clave económica”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Presentación de "Galicia en clave económica"

Presentación de “Galicia en clave económica”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Vicepresidenta Lara Méndez e o xornalista Julián Rodríguez presentou hoxe no Salón de Actos de San Marcos a publicación Galicia en clave económica, conclusión do ciclo de debates e relatorios que, baixo o mesmo título, celebráronse por toda a provincia de Lugo entre xuño de 2013 e decembro de 2014. O ciclo estivo organizado por Economía Dixital e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Grupo El Progreso.

Esta é, a día de hoxe, unha publicación económica única sobre Galicia, posto que recolle propostas actualizadas para saír da crise e está destinada a todos os galegos, non a unha elite económica.

Neste sentido, Gómez Besteiro destacou que Galicia en clave económica debería ser lectura obrigada para todos os galegos, porque apunta propostas concretas para superar este momento económico e sinala como cambiar os antigos modelos caducos, fillos da especulación, por outros baseados no crecemento sostido que aporten solidez ao noso país. “Se algo nos ensinou esta crise é que non debemos repetir os erros do pasado, cun modelo que tiña os pes de barro”, subliñou.
O Presidente fixo fincapé na situación actual de Galicia que, ao contrario do lento crecemento que experimenta España, rexistra “máis paro, máis débeda e menos poboación”. Por iso, o país “afronta o seu futuro con serias dúbidas”, á vista do datos da evolución do PIB, que indican que a recuperación económica aínda non chega ás familias nin aos cidadáns. “E o que é peor; parece que saída da crise será lenta e prolongada no tempo”, sentenciou Besteiro.

Traballo de máis de 30 expertos

O ciclo Galicia en clave económica, contou coa participación de máis de trinta expertos referentes nos seus campos de traballo, en diferentes debates e relatorios celebrados en Lugo, Viveiro, Chantada, Vilalba, A Fonsagrada, Monforte e Ribadeo, entre outros.

Entre estes expertos, aos que o Presidente quixo agradecer a súa colaboración desinteresada, atopáronse o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, o director do Foro Económico de Galicia; o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Escola Galega da Paisaxe, o Centro de Estudos Turísticos de Galicia, o Instituto Galego do Viño, a Patronal Confemadera; sindicatos; a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias; a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia, ou a Asociación Galega de Empresa Familiar.

Galicia en clave económica fai un percorrido, da man de primeiras espadas do campo económico, sociolóxico e histórico de Galicia, polos retos máis importantes da economía galega tanto dende o punto de vista macroeconómico (modelo produtivo, desemprego, demografía, sector público e privado); como sectorial (finanzas, agroalimentacion, madeira, turismo, paisaxe e agricultura ecolóxica, entre outros). A publicación xa está dispoñible de xeito gratuíto na web www.deputacionlugo.gal e no departamento de Atención ao Cidadán da Deputación de Lugo.

4 de maio de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.