publicidade hoxe

A corporación de Sober será a primeira en constituírse de toda España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

O rexedor do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, quen repetirá como alcalde despois de obter a maioría absoluta nas eleccións municipais, propón que a Corporación local sexa a primeira de España en constituírse, como xa fixo hai catro anos, celebrando o Pleno o vindeiro día 13 de xuño ás 00:01 horas.

Fernández Guitián explica que con este xesto pretende “que se fale do Concello de Sober “en positivo” a nivel nacional. “Parécenos que celebrar o primeiro Pleno á media noite pode converterse nun reclamo turístico que faga que os visitantes sigan vindo á localidade”, engade.

Tesouros do Concello

O Concello de Sober conta entre os seus recursos patrimoniais e paisaxísticos cunha mostra importantísima de románico, unha ruta de miradoiros, unha de muíños, así como con numerosos sendeiros que transcorren polo viñedos, piar fundamental da economía da zona. Un espazo único para contemplar a viticultura heroica e os Canóns do Sil. Por iso, o rexedor considera esta acción unha forma de dar a coñecer os tesouros do Concello e da Ribeira Sacra en xeral, o que tamén pode contribuír á súa declaración como Patrimonio da Humanidade e “a que os nosos caldos sigan gañando presenza nos mercados nacional e internacional”.

Así, o alcalde anuncia que ten previsto brindar con viño de Amandi ao remate da sesión plenaria.

O rexedor esforzouse ao longo destes anos por organizar “accións relevantes” que fagan que o Concello, o seu nome e os seus tesouros naturais, paisaxísticos e patrimoniais cheguen ao mundo enteiro. “Hai catro anos conseguimos que Sober tivera presenza nos medios de comunicación a nivel nacional e cremos que isto axuda a que todo o mundo nos sitúe no mapa e se anime a achegarse á localidade e por iso imos repetir a experiencia”, conclúe.

28 de maio de 2015 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.