publicidade hoxe

A conselleira de Sanidade ve o traslado á Estrada do 061 como unha oportunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asegurou este martes que as “portas” do seu departamento están “abertas” para “negociar” cos traballadores do 061 que manteñen as súas protestas contra o traslado da central de coordinación á localidade pontevedresa da Estrada, aínda que sinalou que este cambio é “unha oportunidade máis que un problema”.

Así o indicou Rocío Mosquera en declaracións aos medios pouco antes de participar en Santiago na inauguración da XII Xornada do 061 sobre Urxencias e Emerxencias, que acolleu o edificio do Sergas.

Ás portas desta instalación, en San Lázaro, traballadores do 061 protagonizaron un novo acto de protesta contra o traslado da súa central de coordinación ao edificio da Axega na Estrada, unha decisión que consideran “arbitraria” e forzosa”.

Tras unha pancarta na que se podía ler ‘Non ao traslado do 061 á Estrada’, os representantes da Xunta de Persoal do 061 fixeron coincidir co acto institucional os seus cánticos reclamando que esta decisión non se execute e lembraron os prexuízos deste cambio tanto para o servizo como para as súas condicións laborais.

ABERTOS A RECIBILOS

Preguntada sobre estas protestas, a conselleira de Sanidade afirmou que as “portas” do seu departamento están “abertas” para “traballar e para negociar” cos afectados. “Sempre estamos abertos a recibir aos nosos traballadores, como non pode ser doutra maneira”, sentenciou Mosquera.

Con todo, a responsable de Sanidade asegurou que o centro de emerxencias da Estrada é unha “magnífica oportunidade para integrar todas as emerxencias nun único edificio” aínda que, garantiu, “mantendo as peculiaridades do 061”.

“Non imos renunciar baixo ningún concepto a seguir potenciando, mantendo e tendo ao 061 na Consellería de Sanidade”, sinalou Mosquera, que compareceu en compañía do xerente desta fundación, José Antonio Iglesias.

Con todo, a conselleira asegurou que este traslado suporá “unha oportunidade para integrar todos os servizos do 061, que están dispersos por Santiago”, e “para mellorar a coordinación e a integración co resto de servizos de emerxencias”.

19 de maio de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.