publicidade hoxe

A comunidade de montes de Barrantes executa unha zona integral para a práctica do deporte e o lecer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a zona integral para a práctica do deporte e o lecer que acaba de executar a comunidade de montes de Barrantes en Tomiño.

Cores Tourís foi invitado pola comunidade de montes para comprobar o remate deste proxecto e durante a visita estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.

Tal e como explicaron os comuneiros de Antas ao delegado territorial, o proxecto consistiu no acondicionamento dunha parcela para a instalación dunha pista multideporte, un circuíto biosaudable e un parque infantil, para o que contaron cunha axuda recibida polo Agader que cubriu o 40% do investimento total da obra.

O parque infantil conta con dous balancíns, unha casa multicolor con estrutura de xogos e unha baliza xiratoria con chan de seguridade. Ao seu redor instaláronse 11 elementos biosaudables. A pista multideporte pintouse para dúas disciplinas con peche perimetral de madeira.

O entorno humanizouse mediante a plantación de árbores frondosos de sombra e mobiliario urbano diverso como bancos e cubrecontedores de madeira para minimizar el impacto dos residuos no entorno.

Prevención de incendios

Durante a visita, o delegado territorial analizou coa comunidade de montes as iniciativas que están a poñer en marcha dende esta entidade para a prevención de incendios durante a época estival.

O concello de Tomiño conta con sete comunidades de montes: Tomiño, Taborda, Barrantes, Pinzas, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra e Vilameán. En concreto, neste concello realizaranse diversas actuacións sobre un total de 150 hectáreas para previr os incendios, dos cales 40 serán en montes da comunidade de Barrantes.

José Manuel Cores Tourís destacou que ao longo deste ano estase a traballar nun total de 4.070 hectáreas para a prevención do lume en toda a provincia de Pontevedra, na que se crearán 23 novos depósitos de auga.

Entre outras actuacións, estase a executar roza mecanizada con rozadura de cadeas nun total de 927 hectáreas; realización de faixas auxiliares; roza de penetración e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais ao longo de 260 hectáreas; poda baixa en coníferas en 1.914 hectáreas e roza mecanizada en rexenerado forestal natural en outros 120 hectáreas, así como tratamentos de silvícolas frondosas ao longo de 850 hectáreas.

6 de maio de 2015 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.