publicidade hoxe

A Cañiza cede ao gabinete psicopedagóxico Litus de Vigo unha aula no edificio Multiusos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+

Cumplindo o compromiso asumido dende a Alcaldía cos pais e nais de nenos con necesidades especiais, o Concello de A Cañiza porá a disposición do gabinete psicopedagóxico LITUS de Vigo un aula municipal no Edificio Multiusos, co fin de facilitar a atención terapéutica especializada aos nenos da vila que precisen deste servizo.

Na actualidade son varias as familias que teñen que desprazarse dende A Cañiza ata as cidades de Vigo ou Ourense para poder acudir a gabinetes especializados que atendan as necesidades dos seus fillos. Estes desprazamentos, segundo manifestaron os afectados ao Alcalde Miguel Domínguez, supoñen numerosos inconvenientes tanto aos nenos como aos seus pais. Gastos de desprazamento que en ocasións non poden asumir os pais por falta de recursos, estrés sufrido polos nenos ao ter que facer longas viaxes despois das horas lectivas para recibir de novo terapias, falta de tempo para adicarlle aos deberes e ás actividades extraescolares son algunhas das consecuencias de non contar en A Cañiza con este tipo de servizo.

Considerando todos estes motivos, un grupo de nais afectadas solicitaron ao Concello un aula para poder traballar dende a vila sen ter que desprazarse. A iniciativa foi ben acollida e farase efectiva no vindeiro curso. A partires de setembro do 2015 o gabinete Psicopedagóxico Litus de Vigo comezará a traballar cos nenos de A Cañiza, nun aula que se habilitará no Edificio Multiusos.

O gabinete, aínda que é unha empresa privada e polo tanto ten as súas propias tarifas, traballa na maior parte dos casos coas becas que asigna Educación para nenos con necesidades especiais e que se poden solicitar a través do colexio (normalmente no mes de setembro).

Esta iniciativa porase en coñecemento dos centros educativos correspondentes para que o departamento de orientación se poña en contacto coas familias afectadas e lles facilite toda a información precisa.

Todo aquel que pola súa conta queira solicitala deberá poñerse en contacto tanto co departamento de orientación do colexio, como cos servizos sociais do propio Concello.

12 de maio de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.