publicidade hoxe

Xunta e Concello de Teo acometen unha obra de ampliación de beirarrúa e mellora da rede de sumidoiros en Cacheiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A obra de ampliación da beirarrúa da zona do Grilo en Cacheiras, nun lugar na que era especialmente estreita, é unha demanda que a veciñanza da zona e os colectivos de discapacitados levaban algún tempo solicitando. O Concello de Teo tras escoitar esta demanda veciñal, solicitou á Xunta de Galicia, responsable da estrada, o seu arranxo.

O dito arranxo deu os seus froitos tras unha reunión á que asistiron como representantes do Concello de Teo o concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, e o de Obras, Xurxo Francos, xunto co enxeñeiro xefe do ente autonómico no mes de setembro do ano pasado. Nesa reunión o responsable da Consellaría da Xunta de Galicia asumiu a obra que se executa nestes días, a cal amplía a zona da beirarrúa suprimindo a beiravía existente nese lugar.

O Concello de Teo, coa finalidade de acometer unha obra conxunta nunha soa vez e evitar posibles molestias á veciñanza, iniciou, ao mesmo tempo, a obra de substitución dun colector principal da rede de sumidoiros que dá servizo á zona de Cacheiras. Esta obra ten un orzamento final de preto de 10 000 euros para a súa execución.

Na anteriormente citada reunión entre Xunta e Concello do mes de setembro, o Concello solicitoulle á Xunta, así mesmo, a cesións das canchas e parques existentes na Autovía AG-59 nas parroquias de Oza e Cacheiras. Para que esa cesión fose efectiva o Concello solicitou o arranxo previo á cesión deses emprazamentos, obra que, polo de agora, a Xunta de Galicia non iniciou. O Concello cualifica este arranxo como urxente, xa que as condicións nas que se atopan as pistas e canchas son perigosas para as persoas usuarias e non garanten a seguridade nestes emprazamentos.

28 de abril de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.