publicidade hoxe

Xunta e Concello de Melide asinan o convenio para a reforma e posta en valor da rúa de San Antón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+
Ethel Vázquez asina convenio de colaboración co Concello de Melide. Foto: C. Paz

Ethel Vázquez asina convenio de colaboración co Concello de Melide. Foto: C. Paz

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a reforma e posta en valor da rúa San Antón, no núcleo urbano de Melide.

Estas actuacións, que se executarán este ano, contan cun orzamento de máis de 126.000 euros, dos que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, realiza unha achega económica de 35.000 euros.

A rúa obxecto deste convenio forma parte da rede viaria do casco histórico de Melide e presenta un trazado claramente medieval, pola súa configuración morfolóxica. Trátase dunha vía paralela á principal de articulación do casco, e soporte do Camiño de Santiago, a rúa San Pedro, polo que a súa importancia é fundamental para este municipio coruñés.

O pavimento existente, formigón impreso, sufriu diversas obras que xunto co tránsito de vehículos, produciu numerosos desperfectos, nalgúns puntos significativos, polo que este convenio contempla as actuacións precisas para mellorar o seu estado.

Este proxecto de mellora, enmarcado no Plan Hurbe da Xunta de Galicia, abrangue accións como a substitución completa do pavimento, optimizando non só tecnicamente a solución actual, senón adecuando esta a un maior grao de calidade ambiental, acorde co valor histórico da rúa. Tamén se levará a cabo a instalación dunha rede separativa de saneamento e pluviais e reformarase a rede de saneamento existente e dispoñerase unha de pluviais en trazado paralelo.

As actuacións integradas no Plan Hurbe teñen por obxectivo facilitar que as vilas e cidades de Galicia sexan máis humanas e ofrezan cada vez máis posibilidades de goce e benestar ás persoas.

7 de abril de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.