publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha preferentista octoxenaria con andador é xulgada por saltarse un cordón policial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO RosalPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

Domitila Vicente Franco, de 82 anos e cun xeonllo afectado pola osteoporose o que lle obriga a utilizar andador, presentouse este martes no Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra por “saltarse un cordón policial” durante unha mobilización da Plataforma de Afectados por as Preferentes de Baixo Miño.

O 3 de xullo do ano 2013, Domitila foi multada pola Garda Civil pola súa presunta “conduta violenta” xa que as forzas da orde entenderon que “alterou a orde pública”. En total 200 euros de sanción, “o mesmo que custou o andador”.

Esta veciña do Baixo Miño participou nunha concentración no Rosal. “Só fixen ruído, como ía eu saltar unhas valla para entrar no Concello do Rosal se vou cun andador”, deféndese Domitila. “Ía defender o que era meu, eu non peguei a ninguén”, remarca.

Igualmente, Fernando Asensio, de 70 anos, tamén esta acusado de “alterar a orde pública” e de ter un “comportamento agresivo”, algo que rexeita totalmente. Aquel 3 de xullo acudiu á mobilización en contra do criterio do seu médico, padecía un cancro e en dous días ía pasar polo quirófano para ser operado, por iso cargaba cun pequeno asento para descansar cada pouco.

Fernando, emigrante durante 23 anos en Inglaterra, dixo estar apesarado. “É triste que pase algo así no noso país. Eu nacín nunha ditadura e escapei. Volvín coa democracia, pero estamos a volver atrás”, lamenta.

APOIO DE VECIÑOS

Domitila e Fernando, xunto a Ana Belén Álvarez, Américo Álvarez e Eugenio Domínguez, foron as cinco persoas multadas do Baixo Miño, que este martes acudiron aos xulgados de Pontevedra acompañados por un numeroso grupo de veciños que lles trasladou o seu apoio acusando de “sarta de mentiras” ás sancións e culpando de todo ao Partido Popular.

Segundo informou o voceiro da Plataforma, Xulio Vicente, os xulgados aínda teñen pendente de resolver máis de 40 recursos a outras tantas multas por supostos excesos nas protestas, e que reclama que se retiren todas as sancións.

Ademais explicou que dos 18 xuízos por multas que xa se celebraron, 10 tiveron sentenza, en nove casos favorable aos multados. “E non entendemos por que perdemos unha”, concluíu.

7 de abril de 2015 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.