publicidade hoxe

Unha exposición mostrará a alumnos de Sada, Cambre e A Coruña a realidade de Filipinas tras o tifón Haiyan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCambreSada
A-
A+

O 8 de novembro de 2013, o súper tifón Haiyan (Yolanda) azoutou Filipinas deixando graves danos ao seu paso. Considerado un dos peores tifones que afectou a rexión, Haiyan deixou un balance de máis de 16 millóns de persoas afectadas, 6.300 falecidos e máis dun millón de casas danadas. A operación do Movemento Internacional da Cruz Vermella como resposta ao paso do tifón foi a maior da súa historia despois da do terremoto de Haití, o que evidencia a magnitude dos efectos deste desastre.

Esta realidade afastada, na que aínda se atopan os cidadáns filipinos, é a que unha nova exposición de Cruz Vermella achegará aos mozos coruñeses de diferentes centros educativos entre o 14 e o 30 de abril. “Cartas desde Filipinas: volvendo empezar” é o título desta exposición que se poderá visitar no IES Isaac Díaz Pardo (o 14 e16 de abril) e o Colexio Mosteirón (do 17 ao 21), ambos en Sada; o IES David Buján de Cambre (do 22 ao 28) e o Centro Calvo Sotelo da Coruña (do 28 ao 30).

A exposición fai un percorrido pola actuación de Cruz Vermella Española en Filipinas. A través da visión dun Delegado de Cruz Vermella Española que estivo no terreo no momento no que ocorreu a catástrofe, os mozos poderán descubrir como se desenvolveu cada unha das fases da intervención, desde a emerxencia ata o desenvolvemento. A exposición está composta por unha reprodución a escala dunha das vivendas construídas, unha exposición fotográfica e os materiais de axuda humanitaria que se enviaron ao país, tales como kits de hixiene, de cociña, de construción e de albergue. Tamén se desenvolverán charlas sobre este mesmo tema cos escolares.

O obxectivo é sensibilizar á sociedade sobre a situación da poboación afectada tras o paso do Tifón Haiyan en Filipinas, sobre as necesidades aínda existentes para a recuperación a longo prazo e sobre unha intervención que busca aumentar as capacidades das persoas para facer fronte a futuros desastres.

13 de abril de 2015 | 11:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.