publicidade hoxe

Un grupo de xubilados de Malpica de Tajo visitan Malpica de Bergantiños tras a aprobación do irmandamento

Visita do grupo de xubilados

Visita do grupo de xubilados

Menos dun mes despois da aprobación definitiva do irmandamento con Malpica de Tajo por parte da corporación municipal, Malpica de Bergantiños recibe a primeira delegación chegada dende a localidade toledana. Un grupo de xubiladas e xubilados de Malpica de Tajo realizaron onte unha visita a terras bergantiñáns que incluíu unha recepción na casa consistorial de Malpica de Bergantiños. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, conversaron cos visitantes e intercambiaron agasallos. Os maiores de Malpica de Tajo marcharon encantados da vila.

Malpica de Tajo é un municipio de 2.000 habitantes situado na comarca de Torrijos, a 51 quilómetros da cidade de Toledo. O importante papel que xogou ao longo da historia quedou reflectido no seu castelo, unha xoia da arte mudéxar datada no século XIV e que goza da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende o punto de vista económico destaca a industria bodegueira, representada por marcas de tanto prestixio coma Osborne ou Pagos del Marqués de Griñón.

Un dos obxectivos do irmandamento é aproveitar os recursos das dúas localidades para iniciar unha serie de intercambios en áreas coma a cultura, a empresa e o turismo.

11 de abril de 2015 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.