publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Touro apoia a proposta da Fegamp para manter os Rexistros Civís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Pleno do Concello de Touro aprobou por unanimidade a proposta da Fegamp para “esixir o mantemento dos servizos e funcións rexistrais civís no ámbito municipal máis próximo”. O peche dos rexistros civís está previsto para o próximo 15 de xullo. O acordo do Concello de Touro, que será remitido á Fegamp e ao Ministerio de Xustiza, foi tomado por unanimidade nun pleno celebrado o pasado 24 de marzo.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, destaca que a supresión do Rexistro Civil de Touro suporía “un grave prexuicio” para a poboación que vive neste municipio. “As xestións que hoxe se poden facer na sede do Concello teríamos que ir a facelas no Rexistro Mercantil máis próximo”, que está situado en Santiago. “É un trastorno para os nosos veciños e veciñas”, asegura Ignacio Codesido. Touro conta con preto de 4.000 habitantes e con 139 núcleos de poboación. En torno ao 30% da poboación de Touro é maior de 65 anos. As xestións, a partir de xullo, teranse que realizar nos rexistros mercantís e nas futuras oficinas xerais do Rexistro Civil, que probablemente estarán situadas nas catro capitais de provincia.

A Fegamp instou a finais de marzo a todos os concellos de Galicia a que tomasen acordos plenarios en contra da supresión dos Rexistros Civís. E o Concello de Touro xa mostrou o seu apoio en contra da medida impulsada polo Ministerio de Xustiza. A Fegamp, e ao mesmo tempo o Concello de Touro, “esixen o mantemento dos servizos e funcións rexistrais civís non ámbito municipal máis próximo encomendándose os mesmos aos Xulgados de Paz”.

A supresión dos Rexistros Civís implicará que os veciños e veciñas xa non poidan xestionar ou solicitar no seu municipio documentos como unha fe de vida, un certificado de nacemento, matrimonio ou defunción; expedientes de matrimonio ou nacionalidade, entre outros trámites. Hoxe este servizo é gratuíto.

1 de abril de 2015 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.